Galicia

Machado e Juan Ramón Jiménez rompen o xeo da selectividade 2011

Duvi/ Elixir entre a poesía de Machado e a de Juan Ramón Jiménez ou a narrativa hispanoamericana da segunda metade do século XX foi a primeira decisión a que tiveron que enfrontarse os 4.232 alumnas e alumnos que este mércores iniciaron os exames de selectividade nalgún dos centros da Universidade de Vigo. Foi a maneira de romper o xeo e deixar atrás parte da tensión acumulada nas últimas semanas. Pasado o primeiro exame, Lingua Castelá e Literatura, as caras do alumnado que hoxe se examinaba eran xa de alivio e denotaban que os nervios, que a primeira hora estaban a flor de pel, pasaran xa, na maior parte dos casos a un segundo plano.

No campus de Vigo examináronse 2.026 mozos repartidos entre as Facultades de Filoloxía e Tradución, Ciencias Económicas e Empresariais, Bioloxía e a Escola de Enxeñaría Industrial. Tras o primeiro exame, que se iniciou ás 10.00 horas, tocaron 45 minutos de descanso nos que moitos aproveitaron para “respirar un pouco e desconectar”, “darlle voltas ao respondido no primeiro exame” ou “un último repaso aos apuntamentos de historia ou filosofía, dependendo da opción elixida”.

En Ourense, onde están a facer as probas 1.217 estudantes, o alumnado dividiuse entre as facultades de Dereito, Empresariais e Turismo e Historia, ás que hai que engadir o IES Cosme López Rodríguez de A Rúa. Mentres, en Pontevedra, con 988 matriculados, o alumnado dividiuse entre Ciencias Sociais e da Comunicación e Enxeñaría Forestal.

A maioría decantouse pola ‘Opción A’ na que se propuña un texto de José María Carrascal, do diario ABC sobre a polémica de Internet e os dereitos de autor, ademais dunha parte teórica sobre a poesía de Machado, Juan Ramón Jiménez e a posibilidade de escoller entre o xénero fantástico El Aleph ou explicar os tipos de estrutura e técnicas narrativas da novela hispanoamericana. A ‘Opción B’ consistía nun artigo de Javier Marías publicado no diario El País sobre a situación da muller no mundo da literatura e as letras españolas, unha parte teórica sobre a narrativa hispanoamericana da segunda metade do século XX e a posibilidade de elixir entre os trazos formais de A voz a ti debida ou os temas do poemario lido durante o curso.

As probas continuarán ata este venres e logo tocará esperar ata as 20.00 horas do día 17 cando se publicarán as cualificacións provisionais na páxina web da CIUG.

También te puede interesar