Ciencia y Tecnología Galicia

Galicia, ese laboratorio xigante

Duvi/ Aglutina a maior parte dos sistemas sedimentarios e áreas fonte, está afectada por cinco masas de auga que moldean o fondo nalgunas rexións e supoñen unha gran baza para os estudosos da paleoceanografía, con placas tectónicas que deixan na zona unha sismicidade moderada “pero latente”, é unha rexión moi rica en corais… A rexión do Banco de Galicia é “como un laboratorio porque nel temos practicamente de todo, salvo sistemas costeiros fluviais”. Un paraíso xeoloxicamente moi complexo que aínda está comezando a descubrirse: as primeiras prospeccións chegaron tras o desastre do ‘Prestige’, cando as rexións mediterránea e do sur de España levan preto de 30 anos de investigacións. “O afundimento do buque puxo de manifesto a precariedade en coñecementos nos ambientes profundos de Galicia e a maior sorpresa foi descubrir que os pecios estaban nunha zona cunha complexidade absoluta en escalas, morfoloxía, sedimentos, estrutura… algo que chama moito a atención tento en conta que é un área que está apartada e desconectada das fontes continentais que normalmente aportan todo o sedimento mariño profundo”, explicou Gemma Ercilla, encargada da conferencia que pechará a 50 Sesión Científica da Sociedad Geológica de España que se celebrou hoxe en Vigo.

Ercilla puxo enriba da mesa algúns dos resultados máis salientables conseguidos ao longo dos últimos sete anos por un gran grupo de investigación que tratou de recoller os procesos de evolución da parte profunda do marco continental de Galicia. “O coñecemento desta rexión sempre foi moi desigual e precísanse aínda moitos anos de esforzo e estudos para poñela ao mesmo nivel do resto da costa española. Porque a pesar de que España é un dos países de Europa con maior lonxitude de litoral, no norte da península ibérica segue sendo o gran desconocido”, subliña Ercilla, profesora do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona. Un descoñecemento que quixo pór de manifesto nunha xornada na que houbo 60 comunicacións e na que participaron preto de 90 persoas que reflectiron en distintas aulas simultáneas de traballo que a saúde da xeoloxía en España é excelente.

Unha plataforma para os máis novos

Con 25 anos de vida, a Sociedad Geológica de España pretende fortalecer e dinamizar a presenza da xeoloxía en todos os ámbitos da sociedade, difundir os progresos e aplicacións, dar asesoramento e representar os intereses científicos da comunidade xeolóxica española a nivel nacional e internacional. Con estas sesións mantidas cada seis meses a entidade trata de “pór enriba da mesa todas as investigacións que se están a desenvolver, porque a xeoloxía española está nun estado de saúde excelente, con científicos que publican artigos en revistas de alta alcurnia”, recorda Ana Crespo, presidenta da sociedade. A xornada, que rematará mañá cunha excursión xeolóxica ás illas Cíes, pretende ser ademais “unha plataforma para os investigadores máis novos. Hai moitos que veñen de publicar o seu primeiro artigo curto en Geogaceta e dalles a oportunidade de defender por primeira vez o seu traballo en español, o que serve de práctica para cando teñan que facelo en inglés no próximo congreso internacional ao que asistan”.

Organizado de xeito conxunto polos grupos de investigación XM1, XM3 e AAE do Departamento de Xeociencias Mariñas da Universidade de Vigo, a vicerreitora de Investigación, Asunción Longo, subliñou “a importancia de que se leven a cabo estas actividades de discusión científica nos que se fala dos proxectos actuais e de futuro, de avances que se están a realizar nun tema no que a Universidade de Vigo ten unha grande cantidade de grupos desenvolvendo unha labor fantástica”.

También te puede interesar