Ciencia y Tecnología Galicia

O galego loita por facerse un oco no ámbito técnico e científico

Duvi/ Máis de 600 páxinas cunha extensa sección dedicada ao estudo da morfosintaxe da lingua especializada para o “cultivo eficaz do galego”. Así chega ata as librerías a segunda edición do Manual de Galego Científico. Elaborado polos profesores Carlos Garrido, da Universidade de Vigo, e Carles Riera, da Ramón Llull de Cataluña, o libro pretende convertese nun compás que guíe a redactores técnicos, investigadores, docentes, estudantado, tradutores, xornalistas ou a lingüistas no arduo camiño de comunicar ciencia e tecnoloxía en galego. “O galego ten unha representación moi pobre neste ámbito. Por exemplo, en Galiza incriblemente non dispoñemos de prospectos en galego, e digo incriblemente porque vivimos nunha sociedade bilingüe, cun idioma cooficial, pero un documento de carácter tan crítico como pode ser a información sobre un fármaco non vén en galego”, subliña Garrido.

A primeira edición naceu en 2000 editada pola Associaçom Galega de Língua (AGAL) para habilitar dun xeito natural e funcional o léxico especializado abordando de forma didáctica os aspectos máis significativos da prosodia, da morfoloxía e da semántica. A obra, pioneira, tivo tal repercusión que inspirou diversos traballos de terminoloxía e serviu de base para varios cursos de galego tanto científico como técnico na propia Universidade de Vigo. Esta segunda edición, cun repositorio moi rico da configuración técnico-científica do idioma, amosa “a única vía con futuro” que poden empregar os usuarios de galego culto e especializado, “xa que a coordinación lingüística galego-portuguesa pola que avoga o manual representa para o galego unha garantía de proxección que lle permiten vencer a súa degradación e traspasar os estreitos límites que hoxe comprometen a súa supervivencia”.

Sería esta corrente reintegracionista a que axudaría a salvar eivas como o non dispor dun documento tan popular como o manual de instrucións dun electrodomésticos nunha lingua propia, xa que sempre hai unha versión lusa, a pesar de que “a sociedade aínda non considera esa versión portuguesa como galega. É un exemplo de que queda moito traballo por percorrer na normalización do galego no ámbito técnico e científico”, recorda o profesor. Mirar cara outras comunidades como Cataluña ou o País Vasco só é motivo de envexa: aínda que “nin sequera” o catalán ten accedido a prospectos escritos nesta lingua o seu avance na maioría dos ámbitos “é moito maior que o do galego”.

También te puede interesar