Ciencia y Tecnología Galicia

O campus carga as pilas… de balde

Duvi/ É un posto de recarga lenta, en corrente alterna, monofásica e de 16 amperios e, o máis importante, é de balde. A Universidade coloca no campus de Vigo a súa primeira electrolinera, un posto de carga para vehículos eléctricos que supón un verdadeiro punto de inflexión de cara á mobilidade sostible e cara a que xa se chama a terceira revolución industrial. “Queremos dar exemplo e estar na vangarda do que debe ser a sensibilización social, non só importante dende o punto de vista ambiental, senón tamén pensando en asegurar o noso futuro e no novo modelo económico cara ao que debemos de ir”, asegurou o reitor Salustiano Mato, que recordou que “se o último salto foi o desembarco das novas tecnoloxías da información e da comunicación somos conscientes de que o seguinte cambio estrutural mundial xirará arredor das enerxías limpas e nos temos que estar canto antes neste mundo”.

Impulsada xunto con BlueMobility, esta electrolinera é o primeiro paso dunha aposta clara da Universidade de Vigo polo desenvolvemento sostible, un proxecto que xa se está a aplicar nalgúns edificios a través da xeotermia e que tratará de extrapolarse ao transporte público “intra e intercampus”. Para abordar esa nova era de mobilidade sostible, a Universidade viguesa está a estudar posibles colaboracións para atopar financiamento europeo que permita non só ter unha rede de electrolineras, “senón tamén levar a cabo desprazamentos en vehículos eléctricos entre os campus de Vigo, Ourense e Pontevedra”, salientou Mato.

Cos primeiros vehículos eléctricos a piques de saír ao mercado a finais deste mes, a electrolinera do campus, situada fronte ao taller mecánico da Cidade Universitaria, poderá empregarse de xeito gratuíto, aínda que ao custe actual da enerxía mentres non se modifiquen as tarificacións a carga completa dun vehículo “está preto dos 1,8 euros, un prezo moi baixo comparado co que podería supoñer a alternativa en combustibles fósiles”, asegurou Alberto Casal, representante de BlueMobility. Casal xa advirte: os coches eléctricos comezarán a ser o pan noso de cada día en dous ou tres anos, non só en particulares, senón tamén para o transporte colectivo nos núcleos urbanos. “A poboación concéntrase nas cidades e aí hai cada vez máis partículas, óxidos de nitróxeno, de xofre… que son prexudiciais para a saúde, ademais de que os combustibles fósiles non son renovables e son cada vez máis caros”, subliñou.

También te puede interesar