Ciencia y Tecnología Cultura

Suar a camiseta non quita para que non vaias de cañas

Duvi/ Semella que ser campión do mundo en calquera deporte supón renunciar a levar unha vida normal, sobre todo no que á dieta se refire. Este “excesivo control” foi o que Juan Antonio Corbalán, ex-xogador do Real Madrid de baloncesto e fisiólogo do exercicio, denunciou ao abeiro do VII Congreso Nacional de Deporte e Educación Física, definíndoo “como unha actitude patolóxica desaconsellable”. Afondou na importancia de ter hidratado o noso corpo a base de auga, pero tamén con outras bebidas “que resulten máis atractivas ao noso padal como é o caso da cervexa, unha fonte idónea e complementaria ao consumo da auga”. No discurso inaugural do congreso, Víctor Arufe, profesor da Universidade de A Coruña e un dos principais organizadores, quixo concienciar aos presentes da necesidade “de regulamentar e de dignificar a profesión do deporte, obtendo o recoñecemento que nos merecemos”.

Un xogador pode beber unha cervexa despois de ter disputado un partido? Como explicou Corbalán, si que é conveniente porque “estaremos hidratando o noso corpo”. Aclarou que saciar a necesidade de líquido co consumo de auga “supón un grande esforzo para a persoa pola súa falta de sabor e temos o mal costume de soamente beber cando temos sensación de sede”. Neste contexto é onde xurde a necesidade de buscar bebidas alternativas que complementen a hidratación que brinda a auga, xa que “é insubstituíble”, e, a cervexa convértese na mellor candidata polas súas propiedades naturais. Como describiu o ex-deportista, “contén un 95% de auga, bébese fresca polo que hidrata mellor, é baixa en sal, non ten contido calórico dependente de graxas, achega vitaminas B, C, E, minerais….”, resaltando especialmente os hidratos de carbono que se presentan en forma de miltedoxtrinas, semellantes á glicosa, “pero que brindan unha mellor dispoñibilidade da enerxía”. Tal é así que o consumo de cervexa “inflúe positivamente nos procesos fundamentais do rendemento deportivo”.

Unha das principais críticas á cervexa como bebida “para deportistas” é que contén alcol, ao que Corbalán indicou que presenta un balance hídrico favorable, pois “a pesar de que perdamos un pouco de auga polo contido alcólico, a que queda máis cantidade no corpo”. Para evitar esta perda de auga recomendou as cervexas light ou sen alcol e marcou o límite de consumo diario en 30 gramos de alcol.

A sede síntoma tardío de deshidratación

O experto fixo especial fincapé na necesidade de que tanto deportistas, como xente allea á competición, “estean ben hidratados”. Recoñeceu que é necesario inxerir líquidos a pesar de non ter sede, “porque esta sensación é tardía, dáse nos humanos cando xa temos un certo grao de deshidratación no corpo”. Recomendou a inxesta de dous litros diarios de auga xa que “perdemos líquido sen darnos conta, na respiración, no movemento muscular, a través dos capilares cutáneos, na práctica de exercicio…”. Engadiu que a deshidratación mantida durante un determinado tempo non soamente afecta ao rendemento no deporte, “senón á saúde e á propia vida”, ata extremos que, se se perde un 5% de peso corporal, “pódese estar ao borde do coma”.

También te puede interesar