Vigo al minuto

O venres empeza a funcionar o microbús eléctrico do Casco Vello

O tenente de alcalde anunciou hoxe que o venres, día 6 entrará en funcionamento o bus eléctrico do Casco Vello. Segundo destacou, a implantación deste transporte público, que será de uso gratuíto ao longo do primeiro mes no que está en fase de probas, supón un paso máis na recuperación do Casco Velloque iniciamos neste mandato” e no obxectivo de mellorar a mobilidade do barrio.

Antes de participar no percorrido de comprobación técnica do autobús, Santiago Domínguez salientou que este medio de transporte ofrecerá un “servizo á carta”, de xeito que calquera persoa poderá subirse a el onde estea e baixarse no lugar que o precise. A ruta circular que realiza (A Laxe, Praza do Berbés, Real, Praza de Almeida, Paseo de Alfonso, Abeleira Menéndez, Concello, Progreso, Porta do Sol, Policarpo Sanz, Velázquez Moreno Praza de Compostela, A Laxe) é de 4 kilómetros, e emprega en facela un tempo aproximado de 20 minutos.

“Trátase dun sistema de transporte limpo e ecolóxico que dará resposta ás demandas dos veciños e veciñas do Casco Vello”, asegurou. O modelo elixido é un Zeus M200E plus, cunhas dimensións de 5,89 metros de longo e 2,07 metros de ancho, que permitirá “moverse polo Casco Vello superando os desniveis”. Ademais do condutor, ten capacidade para 22 pasaxeiros, dos que 9 poderán ir sentados, 12 de pé e inclúe unha praza para cadeira de rodas. Tamén dispón dunha plataforma ultrabaixa que garante a accesibilidade para persoas con discapacidade.

O tamén edil de Turismo, expresou a súa satisfacción pola posta en marcha deste servizo e felicitou aos equipos das Concellerías de Cascos Históricos e Patrimonio Histórico, así como a Vitrasa pola súa colaboración, xa que tras este mes gratuíto, o autobús pasará a integrarse na rede de transporte público de Vigo. “Hoxe damos cumprimento ao compromiso que tiñamos dende o primeiro momento para facilitar a mobilidade no Casco Vello”, subliñou.


 

También te puede interesar