Cultura Galicia

‘Made in Galicia’ e top ventas no Curdistan

Duvi/ Nunca un libro galego fora traducido ao curdo sen pasar antes polo castelán, tampouco nunca a versión turca dunha obra galega acadara en poucos meses a sexta edición e fora escollida como libro do ano 2010 na feira do libro curda. ‘Made in Galiza’, o libro de relatos de Séchu Sende sobre a situación sociolingüística do galego con respecto ao castelán estase a converter nunha icona coa que se demostra “que a tradución da obra galega non é unha anécdota como en moitos lugares se quere facer ver, como si non tivésemos calidade suficiente para ser recoñecidos fóra”, subliñou a profesora viguesa Iolanda Galanes, membro do grupo de investigación Bitraga, organizador da mesa redonda Traducir para as minorías.

Coa participación do autor da obra Séchu Sende e dos autores da tradución ao turco e ao curdo, Irfan Guller e Xosefa Baamonde, o encontro, celebrado na Facultade de Filoloxía e Tradución, tratou de determinar as claves do éxito de ambas as traducións. “É un libro de literatura escrito para a xente que non é coma min”, definiu Sende ao que Galanes presentou como “narrador, poeta, docente… pero sobre todo unha persoa comprometida coa súa lingua e co seu país”.

Desde o seu punto de vista, explicou o autor, o éxito da versión turca da obra “pese a que non deixa de sorprenderme, penso que é a resposta dunha sociedade que viviu e está a vivir unha situación lingüística moi semellante á nosa, independentemente de que sexan, en certos aspectos, realidade moi distintas”.

Traducido por 35 representantes da cultura curda

Curdo de nacemento e galego de sentimento, como el mesmo se definiu, Irfan Guller, describiu aos asistentes a situación dunha lingua “que quedou reducida ao ámbito familiar e na que, a día de hoxe e dende xa fai anos, é imposible educar aos cativos”, apuntou, ao tempo que narrou como durante a súa infancia, fora trasladado da súa aldea natal, onde a única lingua que coñecía era o curdo, a un internado no que só había unha lingua: o turco, “que en nada se parecía ao que eu coñecía” e, igual ca el, o resto de rapaces da súa idade. Hoxe, lamentou, a situación non cambiou demasiado e o curdo, un dos pobos sen estado máis numerosos do mundo, segue a perder falantes nas cidades e entre as novas xeracións e a administración segue a obstaculizar a súa ensinanza.

Avogado de formación e “tradutor tardío”, a vida trouxo a Guller a Santiago de Compostela, onde realizou unha tese de doutoramento sobre o nacionalismo curdo en Turquía e, “de novo a casualidade” levouno a toparse con Made in Galiza, obra que traduciu ao turco coa axuda de Xosefa Baamonde, mestra dende a década de 1970 e unha das primeiras represaliadas por dar clases en galego.

Para a tradución ao curdo contaron con axuda, 35 representantes desta cultura: políticos, cantantes, deportistas… “eles foron os encargados de traducir ao idioma propio os 45 relatos da obra”, sinalou Güller, autor da tradución de dous dos relatos.

También te puede interesar