Ciencia y Tecnología Galicia

A mellor investigadora da Unión de Xeociencias Europea, ‘made in’ Galicia

Duvi/ A concesión dun premio sempre é un motivo de satisfacción pero se o que se recoñece é a traxectoria dun novo investigador ten un plus engadido pola promesa de futuro que supón para a I+D. É o caso da doutora Raquel Nieto, que vén de ser recoñecida co premio Division Outstanding Young Scientist da Unión de Xeociencias Europea (EGU), que na súa división de Ciencias Atmosféricas recoñece os logros científicos realizados por mozos menores de 35 anos neste campo.

A cerimonia de entrega de premios 2011 da EGU celebrarase o 6 de abril no marco da asemblea xeral da entidade, que terá lugar en Viena, Austria, do 3 ao 8 de abril. Será a primeira vez que se lle outorga esta distinción en Ciencias Atmosféricas a un científico español traballando nunha universidade española.

Nova pero sobradamente preparada

Raquel Nieto forma parte do grupo Environmetal Physics Group (EPhysLab) da Facultade de Ciencias desde 1997, cando entrou como alumna predoutoral. Licenciouse en Física no ano 2000 na especialidade de Física da Atmosfera e doutorouse en 2005. Tras estar durante tres anos no centro de Xeofísica da Universidade de Lisboa, reincorporouse ao EPhysLab en 2009. Neste período publicou máis de 40 artigos nas principais revistas internacionais de ciencias atmosféricas, climatoloxía e xeociencia, ademais de ser editora de tres revistas internacionais.

O galardón da EGU non é o primeiro que recibe Nieto, pois en 2009 foi galardoada tamén como científica nova pola Sociedade Europea de Meteoroloxía pola publicación dun artigo de revisión sobre Depresións illadas en niveis altos da troposfera. Coa concesión agora do premio da EGU, a doutora agarda “contribuír a dar a coñecer a investigación e todo o traballo que estamos facendo desde o Environmetal Physics Group”.

También te puede interesar