Cultura Vigo al minuto

Xosé Neira Vilas xa ten biblioteca en Vigo

Hoxe quedou aberta a biblioteca pública ‘Xosé Neira Vilas’ coa presenza do proprio escritor. A mesma, situada na Avenida de Martínez Garrido, intégrase na rede de bibliotecas da cidade e estará aberta en inverno (do 16 de setembro ao 14 de xuño): mañás de martes a sábado de 11:00 a 14:00h e tardes: de luns a venres de 17:00 a 20:30h; en verán (do 15 de xuño ao 15 de setembro): mañás de martes a sábado de 11:00 a 14:00h; tardes: de luns a venres de 18:00 a 20:30h.

A obra de rehabilitación dos locais realizouse en 2009, de acordo co proxecto redactado polo arquitecto José Carlos Rodríguez Otero; a partir do plan funcional, primeiro dos pasos da planificación do proceso, elaborado previamente por persoal especializado en bibliotecas públicas.

A biblioteca “Xosé Neira Vilas” é a primeira das bibliotecas de proximidade que prestará un servizo de lectura pública nun área determinada e que chegará a coordinar a súa acción con outras bibliotecas municipais que configurarán a rede (grupos coordinados de bibliotecas que comparten programas bibliotecario común, recursos e servizos, para lograr un mellor servizo aos cidadáns), ademais da súa inclusión actual na Rede de Bibliotecas de Galicia.

A parte de prestar os servizos tradicionais dunha biblioteca porá énfase no desenvolvemento de servizos e recursos adaptados ás necesidades culturais e informativas específicas do seu contorno establecendo vínculos de cooperación coas organizacións cidadáns da súa área de influencia.


También te puede interesar