Ciencia y Tecnología

A Universidade de Vigo contrata 4 actividades de I+D ao día

Duvi/ 7,33 millóns de euros captados en actividades de I+D en 2010, 1.427 actividades contratadas no mesmo ano, 19 solicitudes de propiedade industrial no mesmo ano… Estas son as cifras que move a Universidade de Vigo no eido da transferencia e que a converten nunha institución punteira que pon ao disposición da sociedade e do tecido empresarial todo o seu potencial. Con este obxectivo púxose en marcha en febreiro o Foro de Diálogo Universidade-Empresa, un lugar de encontro para fomentar a transferencia de coñecemento, cooperar en innovación e promover a inserción profesional dos titulados. Ao seu abeiro este venres celebrouse un encontro entre os responsables de transferencia do coñecemento da Universidade e as empresas parceiras do Círculo de Empresarios de Galicia para presentarlles a oferta de capacidades de I+D+i da Universidade.

Esta primeira iniciativa do Foro representa unha vía de dobre sentido, de modo que os empresarios e directivos poidan coñecer a oferta investigadora da institución e estes poidan obter información sobre as necesidades de innovación dos diferentes sectores. O vicerreitor de Transferencia do Coñecemento, José Antonio Vilán, foi o encargado de amosarlles aos empresarios a evolución desta cooperación necesaria, mentres que Ángeles López, directora da OTRI, presentou as cifras concretas, acompañados por Xavier Martínez Cobas, comisionado de Plans Estratéxicos da Universidade e Jesús Bahillo, director xeral do Círculo de Empresarios de Galicia.

Segundo explicou a directora da OTRI, a función de transferencia das universidades ten tres vertentes principais: por unha banda contratos e proxectos de I+D colaborativos, por outra patentes e licencias e finalmente a creación de empresas baseadas na investigación. Para acadar estes resultados, dende a OTRI trabállase na xestión da oferta das capacidades de I+D e os servizos, afóndase na relación co tecido empresarial, xestiónase a protección e explotación dos resultados e organízanse actividades de divulgación. No 2010 na Universidade viguesa contratáronse 1427 actividades de investigación, que supuxeron para a Universidade a captación de 7,33 millóns de euros. Ademais, dende 1992 solicitáronse 180 patentes nacionais, 5 europeas, 17 internacionais, 3 marcas e 17 modelos de utilidade. No que respecta ás EBTs, creáronse 15 empresas e titorizáronse 19 proxectos.

También te puede interesar