Ciencia y Tecnología Destacados

Unha hipótese formulada hai 60 anos atopa respostas na Universidade

José Antonio Lamas, investigador principal do grupo.
José Antonio Lamas, investigador principal do grupo.

Duvi/ 1.000.000.000.000. Ese é o número de neuronas que se estima que temos, máis que estrelas na nosa galaxia, e todas cunha personalidade propia: dependendo do tipo de proteína que teñen as súas membranas, o seu comportamento é un ou outro, incluso chegando a constituír unha sorte de clan familiar. Dende os anos 50, os expertos deron por válido que cada unha desas neuronas funcionaba “como unha pequena pila”, cunha diferenza de voltaxe de entre 80 e 100 milivoltios que empregan para enviar información e que se consegue a través de canles de dobre dominio de poro, membranas con pequenos buratos selectivos que deixan pasar só determinadas substancias. Agora, dez anos despois de corroborar esa hipótese, un grupo de investigadores da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo vén de descubrir que ese tipo de canles danse no sistema nervioso simpático, aquel que regula a actividade inconsciente do corpo, como a frecuencia cardíaca ou a respiración. “A importancia é que engadimos estas canles a todo o sistema nervioso”, recoñece José Antonio Lamas, investigador principal.

Os investigadores partiron da base de que hai un xene que expresa as proteínas, clonadas e secuenciadas dentro dunha lista de aminoácidos, para estudar a través dun achegamento tecnolóxico importante os canles da familia TREK, centrados na entrada e saída de potasio da célula. Técnicas electrofisiolóxicas, inmunocitoquímica ou real time para desglosar cantas canles hai e que porcentaxe ocupan na neurona. As implicacións do descubrimento, todas relacionadas co sistema nervioso autónomo e sempre a longo prazo. Poderían podería axudar a xerar novos fármacos que regulen a actividade cardíaca ou a mellore os xa existentes. Tamén se poderían obter substancias que axuden en problemas de trastorno do comportamento, como as depresións. Para proba, un rato: distintos experimentos amosan que cando se lles quita aos ratos algunha das canles TREK son “coma superheroes, inasequibles ao desalento”, mentres que o resto de individuos da proba en condicións de estrés aprenden moi mal.

A investigación realizouse como parte da tese de doutoramento de Alba Cadaveira, sobre a que pesa a maior parte dos estudos de campo da investigación. Agora, os resultados aparecen publicados pola prestixiosa revista Journal of Neuroscience no que é o primeiro artigo que traslada a importancia destas canles ao sistema nervioso autónomo. O grupo participa nestes intres na Spanish Ion Channel Initiative, do proxecto de investigación ‘Consolider’, no que colaboran con outros 26 equipos de investigadores de toda España en temas de canles iónicas e que está financiado con seis millóns de euros en total. Coa gran repercusión do primeiro artigo aínda no ambiente, agora o equipo xa está a investigar o sistema parasimpático, que afecta a células motoras, non sensoriales, un traballo arduo e complexo.

 

También te puede interesar