RGPD - Cookies
Cultura Galicia

Pontevedra rende homenaxe ás mulleres que ‘enchen de luz’ a escuridade da pobreza

Duvi/ O 80% da pobreza ten rostro feminino e é a esas mulleres, “que loitan todos os días polos seus fillos en situacións de auténtica precariedade” ás que rende homenaxe a obra de teatro Muller Luz. A Casa das Campás de Pontevedra acollerá a súa representación este venres (21 horas) para inaugurar o ciclo de espectáculos Derradeira e Definitiva, incluído dentro da programación cultural do campus. A produción teatral Muller Luz céntrase nun mundo feminino “que non se ten moito en conta”, comenta Julia García unha das actrices. Fixan a súa atención na muller que vive nunha situación de pobreza “nun no que non hai traballo e teñen que sacar adiante as súas familias a pesar da miseria que a rodea”. Tentan amosar unha realidade “terrible” pero cunha mensaxe de esperanza pois “elas son as que alumean a escuridade na que se desenvolven coa súa dedicación, co seu amor e co seu traballo gratuíto para os demais”, subliña Miguel Fernández, organizador da obra en teatro na cidade pontevedresa.

Muller Luz conta sete historias reais de sete mulleres “sobre a loita, a esperanza e a entrega e que manteñen casas, pobos e ata países”. Empregando a técnica do testemuñal, vanse presentando as vidas de Irena Sendler, Margarite Barankitse, Somalí Man, Stanislawa, Faustina, Tola e Bamba a través do corpo e da música, para dar a coñecer estes casos “que existen ou existiron” e que “poden resultar incribles, pero en realidade sucederon e é fundamental destacar cando falamos de feminismo ou esperanza”, engade unha das actrices. A representación da obra de teatro dará paso a un diálogo posterior co espectador para debater sobre os temas tratados. Avalada por un grande éxito de público no resto de España, será a segunda vez que se representa en Galicia, tras o seu paso por Santiago de Compostela.

As actrices de Muller Luz conforman a compañía teatral Femenino Plural, formada totalmente por mulleres, de recente creación, que naceu con vocación de comprometerse coa realidade das mulleres de hoxe. Todas as súas pezas caracterízanse por enmarcarse dentro do teatro da escoita, “un punto de vista que se interesa pola realidade do mundo e onde se tenta levar a cabo un teatro adaptado ás necesidades sociais da actualidade”, aclara Fernández.

También te puede interesar