Destacados Vigo al minuto

Ser un profesor innovador, na Universidade pode ter premio

Duvi/ A adaptación ao EEES abriu fiestras para a docencia que ata o momento estaban pechadas. As novas tecnoloxías ou a implantación de acción innovadoras na educación son dous dos grandes camiños que se abren para modernizar a docencia e adaptada aos requerimentos de Europa. Para acadar estes obxectivos a Universidade leva varios anos poñendo a disposición da comunidade universitaria diferentes ferramentas e accións para concretar esta aposta. Unha das novidades é o Programa soporte para o desenvolvemento e implantación de acción de innovación educativa, que vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes.

A finalidade desta primeira edición, dotada de 24.000 euros, é apoiar proxectos encamiñados ao deseño e implantación de accións de innovación educativa na docencia da Universidade de Vigo. Preténdese fomentar a aplicación práctica das innovacións desenvolvidas e a súa transferencia non só á docencia do profesorado involucrado directamente, senón tamén ao de toda a Universidade.

Ámbitos de actuación

Esta convocatoria contempla diversos ámbitos de actuación para estas accións innovadoras, entre eles, o deseño e implantación de novas técnicas didácticas; o uso de novas tecnoloxías e deseño da súa aplicación práctica; o deseño e desenvolvemento de contidos innovadores en formatos dixitais; o desenvolvemento de ferramentas tecnolóxicas para ámbitos específicos; o deseño de novas metodoloxías adaptadas ao EEES.

A esta convocatoria poderá concorrer todo o profesorado que teña vinculación permanente coa Universidade. Deberán presentar unha memoria do proxecto tendo en conta parámetros como motivación e necesidade da acción, os seus obxectivos, a metodoloxía, o plan de traballo, o orzamento e a implantación práctica na docencia.

Os proxectos terán unha duración de tres anos, recibindo financiamento durante as tres anualidades. A súa metodoloxía deberá permitir os desenvolvementos iniciais precisos, a implantación práctica e a súa avaliación, primándose aqueles proxectos cuxos resultados sexan transferibles a todo o profesorado, por exemplo a través de actividades de formación.

A dotación económica para esta primeira convocatoria é de 24.000 euros. Cada proxecto poderá ser financiado cun máximo de 6.000 euros para a primeira anualidade. Poderán incluírse nos orzamentos todas aquelas necesidades, debidamente xustificadas e precisas para o desenvolvemento do proxecto, que teñan cabida orzamentaria na vicerreitoría de Alumnado, Docencia e Calidade.

Te podría interesar