Cultura Destacados

Seis de cada 10 menores sen escolarizar son nenas

Tras a iniciativa de «1Gol pola Educación», coa que se reuniron máis de 18 millóns de firmas o pasado ano e se logrou implicar centos de personalidades do mundo futbolístico e da esfera política en torno ao Mundial de Sudáfrica, este ano, a Campaña Mundial pola Educación (CME) volve mobilizarse para reivindicar un maior compromiso dos líderes políticos cunha realidade tan sangrante como é a desigualdade de xénero no acceso á educación. Baixo o lema «A educación non é un conto: polos dereitos das nenas e mulleres», millóns de persoas en todo o mundo alzarán a súa voz durante a Semana de Acción Mundial pola Educación (SAme) que terá lugar entre o 11 e o 17 do próximo mes de abril. Porque as cifras falan por si soas: dos 69 millóns de menores sen escolarizar en todo o mundo, o 54% son nenas; e dos 759 millóns de persoas adultas que carecen de estudos básicos, dous terzos son mulleres.

Para visibilizar esta realidade, a actividade central da Same 2011 consistirá en «A Grande Historia», é dicir, na elaboración dun gran libro de contos escritos por alumnos, alumnas, docentes e personalidades destacadas do mundo da interpretación nos que se reflectirá como o acceso á educación -ou a falta desta- pode marcar a vida das mulleres e das nenas.

Todos os contos poderán consultarse na páxina web da Campaña  e empregaranse nos actos centrais que terán lugar entre o 11 e o 17 de abril en cada Comunidade Autónoma. Nestes actos contarase coa participación de diferentes representantes dos gobernos locais, autonómicos e do goberno estatal para recordarlles o seu compromiso de destinar os recursos necesarios para garantir a educación básica para todos e todas.

Actualmente, malia que a educación é un dereito fundamental, e é imprescindible para romper o círculo da pobreza, hai 69 millóns de nenos e nenas sen escolarizar e 759 millóns de persoas adultas que non teñen competencias básicas de lectura. Campaña Mundial pola Educación naceu para que o compromiso de lograr unha Educación para todos e todas non pasase desapercibido. Por iso, o seu obxectivo é mobilizar á cidadanía para que esixan aos seus gobernos e á comunidade internacional que cumpran as súas promesas e se responsabilicen do destino de millóns de persoas aos que se exclúe do dereito á educación.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.