Ciencia y Tecnología Galicia

Frear a fuga de cerebros desde que se matriculan

Duvi/ Uns premios que responden a “un egoísmo san de ter aos mellores con nós”. Así quixo explicar Ignacio Barcia, vicerreitor de Alumnado, Docencia e Calidade, o que representan os Premios á Excelencia Académica ante a meirande parte dos 36 galardoados, un premio co que se agasalla aos expedientes de Secundaria máis brillantes e co que se lles agradece que escollan “á universidade viguesa para continuar cos estudos”. Os premiados, todos rapaces e rapazas que se matricularon este ano por primeira vez na Universidade de Vigo e que ou ben gañaron algunha olimpíada científica ou remataron o Bacharelato cunha nota superior a un 8,5. Uns ‘cerebros’ galegos dos que se pretende evitar a fuga. “Entendemos que se nos rodeamos dos mellores tamén nós seremos mellores”, recordou Barcia durante a entrega de premios.

Como agasallo, unha ferramenta de traballo para que os axude na súa tarefa diaria para manter eses expedientes sobresaíntes: un netbook, un ordenador portátil co que se pretende “estimular” ao novo alumnado e acadar as expectativas mutuas que estudantes e universidade teñen depositados para este curso. Pero para que o acto de entrega non se convertera nunha cerimonia de “adoración a un tótem das novas tecnoloxías”, o vicerreitor quixo entregarlles ao novo alumnado tamén un lapis, “unha ferramenta moito máis humilde pero asombrosa, tecnicamente impecable e que serve para o estímulo do pensamento e a xeración e transmisión do coñecemento tanto como o ordenador”, subliñou Ignacio Barcia.

Todos saen gañando

Estes galardóns convértense nunha dobre vía de satisfacción para a Universidade de Vigo, xa que ter un alumnado prometedor é a mellor forma de estimular aos propios docentes. Como xa dixera hai anos Gabriel García Márquez, premio Nobel que dedica gran parte do seu tempo á docencia, “no fondo a verdadeira razón para facerse profesor é que é a mellor forma de continuar aprendendo. Por iso é un luxo ter a bos estudantes”, aclarou Barcia.

Dende os ‘fichaxes’ feitos pola Universidade de Vigo este agarimo en recoñecemento polo seu expediente académico é un xeito de animalos a continuar con eses brillantes currículos “aínda que non sexa en todas as materias, que non é tan sinxelo. Gústame moito esta universidade, porque tanto profesores como dirección son moi atentos e quixera seguir destacando, saber que o que fago e que todo o meu esforzo dá os seus froitos”, asegura Natalia Martins, que co seu 9,8 de nota media en Bacharelato escolleu a universidade viguesa para cursar os seus estudos de Dirección e Administración de Empresas.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.