Cultura Destacados

Dous mil e un poemas ao ar para homenaxear a Cunqueiro

Noemí Rey/Duvi/ Era profundamente galego e, por iso mesmo, universal. Álvaro Cunqueiro, unha figura fundamental no desenvolvemento xornalístico e literario de Galicia, está de dobre aniversario este ano: en decembro o lucense cumpriría un século de vida e o vindeiro 28 de febreiro conmemóranse trinta anos dende o seu pasamento. Dúas datas nas que a Universidade de Vigo e o Concello da cidade «que levaba na alma» queren facerlle o mellor agasallo posible: unha semana de homenaxes para recordar a importancia do escritor na simboloxía da comunidade galega «e na forma de entender este territorio». «É o autor galego máis versátil, prolífico e fantástico que deron as nosas letras. Para nós é un pracer pero tamén unha obriga rendirlle honra», asegurou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo.

Para axudar a que a súa obra perdure na memoria dos galegos, dende hoxe a Praza da Constitución acollerá un tendedeiro no que en lugar de roupa o que pendurará das pinzas son 2000 láminas con poemas de Cunqueiro traducidos a 15 idiomas distintos que os cidadáns poderán coller e levar para casa de xeito gratuito. As traducións, do máis curiosas: a romaní, árabe, bereber… «Algunhas son bastante exóticas e din moito do noso estudantado de Tradución, capaz de moverse entre linguas vivas e non tan vivas, porque négome a chamalas mortas», subliñou Mato.

Precisamente a Universidade é o caldo de cultivo de varios grupos de investigación vencellados á figura de Cunqueiro, que xa teñen catalogados os máis de 2000 artigos xornalísticos escritos co seu nome e baixo pseudónimo no Faro de Vigo, do que foi director, ou que traduciron os seus 800 poemas a 40 linguas distintas. En 2006, coincidindo co 25 cabodano da morte do escritor, a Universidade de Vigo «foi a única institución» que fixo unha conmemoración trasladando algúns dos poemas do autor a 17 idiomas de toda a península «falados agora e no pasado». «É un xeito de recoñecer o traballo de Cunqueiro, de que a xente relea ao autor máis exhuberante da nosa literatura, sempre divertido, escribindo con humor e ironía», recordou Xosé Henrique Costas, vicerreitor de Extensión Universitaria.

Rememorando o papel de Cunqueiro

Sintetizar, simbolizar e pór en relevo o papel de Álvaro Cunqueiro será o eixo central do acto máis representativo da homenaxe ao escritor lucense. Un relatorio no Centro Social Novacaixagalicia (19.00 h) no que participarán Ceferino de Blas, conselleiro e ex director xeral de Faro de Vigo, e Ramón Villares, presidente do Consello Galego da Cultura, dará o pistoletazo de saída a unha xornada na que Cunqueiro será o nome máis pronunciado. Ao rematar estudantes da Escola de Arte Dramático de Vigo farán unha versión dramatizada de ‘Xan, o bo conspirador’, mentres que Luis Emilio Batallán musicalizará poemas do escritor, nacido en Mondoñedo pero que vivíu durante décadas na cidade viguesa «á que estaba intimamente ligado. Por iso é un orgullo formar parte desta sentida conmemoración», recalcou Abel Caballero, alcalde de Vigo.

Toda homenaxe é pouca para un escritor que, como ben reza o seu epitafio no cemiterio de Mondoñedo, coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.