Destacados Vigo al minuto

Cada vez máis poboación cruza a liña da caridade

Duvi/ Na vida todo é cíclico, momentos de bonanza económica sempre veñen seguidos de períodos de recesión, pero nesta ocasión hai varios factores sociais que fan que a situación sexa máis preocupante. Así o explica a profesora de Ética e Deontoloxía Cristina Caruncho, que leva varios anos afondando nos dereitos da cidadanía que queda ao marxe da sociedade. “A situación crítica da actualidade expulsou a moita xente que deixou de ser operativa o que provocou que persoas que antes vivían no circuíto da normalidade crucen a liña da precariedade e deixen de sentirse membros da sociedade, apunta. A esta cuestión hai que engadirlle dúas ideas que complican a situación, “a profunda apatía que se sinte en xeral e a perda do capital de recursos humanos”, subliña a socióloga.

Na situación actual, xente cunha vida normal por culpa do paro, da falta de emprego e das altas hipotecas imposibles de afrontar quedan ao marxe da sociedade, o que se traduce nun aumento exponencial da demanda dos servizos dos comedores sociais. Pero esos ciclos repetitivos non só afectan as clases sociais, tamén aos movementos migratorios“No pasado os nosos avós foron facer as américas, co tempo, arxentinos, na época de agonía económica, viñeron cara ao noso país e agora retornan para o seu lugar de orixe, acompañados de grupos galegos na procura dunha oportunidade”, expón.

Agora ben, destaca unha gran diferenza con respecto ás décadas anteriores, pois “non nos atopamos na España dos anos 50 que se desfacía dunha man de obra non cualificada, senón que estamos deixando marchar un gran capital de recursos humanos nos que o Estado inverteu arredor de 120.000 euros para formalo; estámonos descapitalizando”. Fala do gran problema que esta fuga de cerebros lle pode ocasionar á sociedade en xeral xa que “ningún país con posibilidades de desenvolvemento pode deixar marchar as súas mellores cabezas porque eles son os que teñen capacidade de crear unha economía sustentable para poder mellorar e medrar”.

Máis de medio millón de pobres

Neste panorama, as cifras son desalentadoras. Segundo os últimos datos de Cáritas, en Galicia hai preto de 580.000 persoas que viven por debaixo do umbral da pobreza, cuns ingresos que non superan o 60% do salario medio. E é que só o ano pasado esta entidade duplicou o número de atendidos, con 70.000 persoas das 100.000 que fixeron a súa solicitude. As principai demandas: alimentación, vivenda e emprego.

Cunha das tasas de pobreza máis altas de Europa, por riba do 20%, para as entidades sociais o 2011 prevese o como un dos anos máis duros, xa que as familias xa gastaron os poucos aforros que tiñan, a tasa de paro aumenta e o gasto en protección social dominúe pola crise.

También te puede interesar