Música y Cine

A ‘tonecha’ Mariana Carballal asegura que «Almodóvar fíxome sentir tan importante como Banderas»

Duvi/ Asegura que nunca sentiu a chamada do espectáculo como tal pois quixo ser actriz “non por facer algún personaxe senón para cambiar o mundo desde un escenario, explica Mariana Fernández Pérez, máis coñecida como Mariana Carballal, unha das mellores profesionais do panorama audiovisual galego e profesora de Dirección escénica e Interpretación en Comunicación Audiovisual na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Actriz de televisión, de cine e de teatro, tivo a oportunidade de facerse un pequeno oco na nova película de Pedro Almodóvar, unha experiencia que recoñece que lle subiu a autoestima porque “me fixo sentir tan importante como Antonio Banderas”.

Considera que rodar cun dos mellores directores españois foi unha grande experiencia e apunta que Almodovar “fai sentir igual aos protagonistas e aos que temos soamente unha pequena secuencia; aos 10 minutos xa me chamaba polo meu nome”, subliña a actriz. Participar no filme ‘La piel que habito’ supúxolle dous días de gravacións no Pazo da Oca onde se rodou unha secuencia de noite. “Comezaba ás seis da tarde e remataba ás dez da mañá cos pés inchados pero encantadísima de traballar cun director educado, amable e sobre todo cun gran profesional”, engade.

Naceu nunha pequena aldea de Ourense onde a televisión chegou cando tiña xa doce anos e pisou por primeira vez un teatro en Madrid cando estaba a piques de cumprir a maioría de idade, polo que non tiña unha referencia moi concreta do que era ser actor e “non quería parecerme aos do cine porque empecei a velo pouco e tarde”. Mais iso non foi impedimento para que tivese claro desde un principio o que quería ser.

Ademais de actriz de cine, televisión e teatro, tamén tivo as súas experiencias como directora de ficción. Foi coa serie Libro de Familia e pensou “que era unha broma o día que Xosé Manuel Besteiro, o produtor, mo propuxo”. Nun principio a súa colaboración estaba centrada en dirixir o cásting dos actores, pero “como o tema que reflicte a serie foi unha realidade da nosa vida porque somos nenos do interior, do agro, e tiñamos unha visión común, confiou en min e creo que foi ben pois conseguimos fidelizar unha boa audiencia”, apunta Carballal.

Pero foi O show dos Tonechos o que lle achegou popularidade pero tamén aprendizaxe, “grazas a un traballo moi profesional, excelentes compañeiros e seis anos de terapia de risas e risas…”. Na actualidade presenta o reality show da Galega O gran cambio, “outra experiencia nova”, unha oportunidade que xurdiu polo feito “de vir de encarnar a Maribel e polo coñecida que me volvera por ese personaxe”. Gustaríalle ser lembrada “por unha persoa que fai rir o que nos tempos que corren ten moito mérito”, conclúe.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.