Cultura Galicia

Vendamos coma galegos

Os representantes de Terras Gauda, R e Caramuxo.
Os representantes de Terras Gauda, R e Caramuxo.

Duvi/ O galego vende e pode ser sinónimo de calidade. Naceron en Galicia, como proxectos integramente galegos e cunha clara sinal de identidade: o galego. A operadora R, a bodega Terras Gauda e a tenda de camisolas Caramuxo desmontaron este venres nas Xeiras o tópico de que a lingua galega non serve para as relacións comerciais. Non foi a única crenza que se desmontou, nesta última xornada da terceira edición das Xeiras lembrouse tamén a campaña En galego tamén se fai ciencia, impulsada polas tres universidades galegas e na que se fai fincapé en que a lingua galega é válida para todos os eidos e, a defensa do contrario, só pode ser froito da ignorancia ou da mala fe.

Óscar Reboiras da operadora R, Xoán Quintáns de Caramuxo e Iago Becerra de Terras Gauda amosaron o éxito acadado por tres proxectos de eidos moi distintos pero que dende o principio tiveron claro que a clave era buscar a singularidade dos seus respectivos produtos. “Somos galegos e estamos orgullosos de estar aquí”, subliñou Óscar Reboiras ao respecto de R, un proxecto empresarial galego que lidera o mercado da telefonía fixa, internet e televisión, ao que engadiu “que o importante é empregar o idioma con naturalidade, boa parte do éxito de R radica en que os galegos o ven coma un operador propio”.

Ao seu carón Xoan Quintáns defendeu un proxecto monolingüe en galego, Caramuxo, “unha iniciativa coa que rachamos o prexuízo de que o galego non vende”, subliñou e, para mostra, outro botón: Terras Gauda, que tras iniciar andadura hai arredor de 20 anos cunha produción de 30.000 botellas por colleita hoxe conta cunha produción superior ao millón e medio de botellas anuais “das cales exportamos arredor do 75%, desde Melbourne ata Nova York, desde Australia ata Abu Dabi ata un total de 45 países”, subliñou Iago Becerra, que fixo fincapé en que “as reticencias iniciais fóronse solucionando e hoxe as nosas etiquetas, con moito texto e en galego, son unha das nosas principais sinais de identidade”.

Tras tres días moi intensos nos que se botou unha ollada á situación da lingua galega en materias como a literatura, a emigración, os movementos sociais, a música, o deporte… as Xeiras clausuráronse coa participación do vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que se referiu ao galego como “un valor engadido que só nós posuímos e que nos abre a porta a dúas culturas inmensas: a latina e a lusófona” e do responsable dos Comités en Vigo, Iago Varela, que, aproveitando a presenza do vicerreitor, demandou ao equipo de goberno que “traballe arreo” para conseguir avances en materia lingüística, xa que “o uso do galego na docencia universitaria non chega ao 20%”, recalcou.

También te puede interesar