Cultura Galicia

Aínda existen Reis Magos na investigación

Noemí Rey/ Duvi/ Ofrécese contrato a persoa licenciada para realizar tese de doutoramento durante tres anos «con salario competitivo». Aínda que nos tempos que corren pareza incrible, esta é a oferta que o Departamento de Química Física fai para un novo proxecto financiado con máis de 110.000 euros pola Xunta, un oasis no deserto de noticias sobre a falta de fondos para contratar investigadores. “Se os cartos que che dan chegan é normal que contrates a alguén para formalo nun campo determinado e procurar que reverta na sociedade. O problema é que en época de crise recórtase o financiamento porque parece que aínda non temos asumido que promover a investigación é o xeito de saír dela e acadar un estado de benestar bastante aceptable”, explica Carlos Bravo, investigador principal do grupo que acadou a subvención.

Se hai uns anos o 1% do PIB de Galicia estaba destinado a I+D, cunha evolución de crecemento continuo, as novas circunstancias económicas obrigan a facer importantes recortes que se traducen nunha redución dos fondos autonómicos do 40% e na incorporación de só 15 científicos ao Sistema Galego de Innovación. O resultado, que “a xente se asusta ao pensar que ten que estar tres ou catro anos máis na facultade facendo a tese, porque son apostas a longo prazo. A vida dá moitas voltas e non se sabe se a crise vai empeorar ou non. Hai moita inestabilidade, a carreira investigadora é demasiado longa e a xente prefire algo máis práctico, aínda que supoña marchar ao estranxeiro”, recoñece Bravo.

Perda de cerebros

Por iso a oferta da canciller alemá Angela Merkel soa a música celestial para moitos licenciados e pode converterse nun pesadelo para os que quedan aquí. “Non poden pretender potenciar a investigación colléndoa con pinzas, porque acaba caíndo polo seu propio peso. Non é fuga de cerebros, é perda, porque ti estalos a formar para que produzan noutro lado, analiza o investigador. Un cúmulo de circunstancias que tamén repercute de xeito negativo nos grupos investigadores da universidade viguesa, xa que non é doado atopar xente para un traballo tan específico. “Non soen chegar moitos currículos porque moitos acaban a carreira e desenténdense e a maioría dos que quedan xa están financiados dalgún xeito. Hai pouco unha compañeira díxome que tardara catro ou cinco meses en conseguir a unha persoa. Eu espero que non sexan tantos”, asegura o investigador. Nestes casos o boca a boca é o que funciona, por iso a oferta divúlgase a través do circuíto da Universidade.

Buscas investigacións?

Se traballas no eido da química ou da tecnoloxía de alimentos, xa que o traballo está ”a cabalo” entre os dous sectores, aquí podes ter unha oportunidade. O contratado tería que realizar a investigación interdisciplinar dun proxecto relacionado coa eficacia e distribución de antioxidantes en sistemas emulsionados de alimentos, o que lle serviría para a tese de doutoramento. Ter experiencia en métodos cinéticos e analíticos como espectrocopias ou cromatografía terá puntos extra. “Se ten experiencia nun laboratorio é moito mellor, porque ao principio á xente cústalle adaptarse ás novas técnicas, aos novos métodos”, puntualiza Carlos Bravo. Se estás interesado, envía o teu currículo detallado por correo electrónico á atención de Carlos Bravo a [email protected].

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.