Destacados Vigo al día

O debate comeza na rede

Noemí Rey/Duvi/Se o que se trata é de innovar, nada mellor que predicar co exemplo. A Asociación iOP xa deu o sinal de saída nas redes sociais ao debate que se trasladará o 27 de xaneiro á Escola de Enxeñería de Telecomunicación dentro das xornadas As novas tecnoloxías como elemento de innovación. A través de FacebookTwitterLinkedIn comezou unha discusión aberta coa que se pretende facer unha composición dos aspectos máis importantes para arrincar o coloquio final. “Neste foro están involucradas as preto de 500 persoas que están dentro destas webs e da Rede de Innovación e Optimización de Procesos, entre estudantes, empresas e Universidade”, recorda Diego Carou, presidente da asociación, que nace a raíz doMestrado en Innovación Industrial e Optimización de Procesos.

A xornada, que comezará ás 18.30 horas, pretende dar unha visión ampla sobre as novas tecnoloxías e a posible mellora da produtividade nos procesos industriais “a tempo real”. O director comercial de ASM Soft, Iago Rodicio, será o encargado de romper o xeo desvelando as claves de mellora, explicando o impacto da tecnoloxía na competitividade e debuxando un escenario tecnolóxico a curto prazo. Antonio Sartal, responsable de I+D+i de Jealsa Rianxeira, falará da compatibilidade das ferramentas TIC coa filosofía de xestión Lean Manufacturing, “un tema cunha fonda discusión académica” que pon na palestra ás vantaxes do aceso á información fronte á comodidade e falta de necesidade esforzarse.

O último relatorio estará centrado “nun tema moi en boga hoxe en día”: a administración electrónica. Iván Franco, coordinador de proxectos do sector público en Imatia, explicará como isto xurde como resposta lóxica á necesidade inmediata de modernizar o sector público, onde a evolución tecnolóxica e as esixencias legais dos últimos anos abriron un amplo abano de posibilidades coas que evitar o illamento entre administracións e ofertar ao cidadán melloras substanciais na súa vida cotiá.

También te puede interesar