Galicia

Aquí o traballo chégache a casa

Desfile da última edición da pasarela Debut.
Desfile da última edición da pasarela Debut.

Bea Feijoo/Duvi/Quen non soñou na época estudantil que as principais empresas do sector no que un se está especializando premeran a porta. Pois trátase dunha realidade para o alumnado de Esdemga, Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galicia. Zara, Purificación García, Carolina Herrera, Adolfo Domínguez, son algunhas das firmas de moda que se interesan polos seus egresados. Pero a cousa non queda aí, xa que non só contan cun emprego os que rematan os estudos, senón que a oferta de emprego existente no sector é de tal magnitude, que nos últimos anos as empresas comezaron a contratar estudantes de segundo curso.

Nos tempos que corren roza o privilexio que no ecuador da formación o alumnado teña a posibilidade de pór en práctica os coñecementos e habilidades adquiridas. Aínda que son contratos de prácticas, a experiencia acadada permítelles facer currículo e vivir en primeiro termo a vida laboral que lles agarda uns anos despois, adaptando e reorientando a súa formación e intereses segundo a realidade do campo profesional no que se queiran empregar. Como explica Rocío Gómez Juncal, axudante de dirección de Esdemga, “que poidan facer prácticas en segundo curso está relacionado coa demanda inxente de persoal en prácticas e a formación que xa teñen para comezar a desenvolver eficazmente tarefas de deseño nas empresas que solicitan estes profesionais”.

Empregos nas principais empresas

Esta conexión entre o mundo da formación e laboral e a posibilidade de que os egresados recentemente poidan acceder a un posto de traballo é resultado das bolsas de emprego e dos contactos constantes que Esdemga realiza coas principais empresas do sector téxtil. “Case sempre son as empresas as que nos chaman para facer uso da nosa bolsa de emprego, se ben é certo que iniciamos o contacto con elas no período de prácticas dos estudantes, momento que se aproveita para chamar ás empresas para indicarlle o candidato máis adecuado para o perfil de profesional que soen demandar”, apunta Juncal. Así, as marcas máis coñecidas do mundo da moda a nivel nacional contan con profesionais formados en Esdemga no seu persoal fixo. Na actualidade, empresas como Purificación García, Zara, Textil Mendo, Masscob, Pull and Bear, Antonio Pernas, Jesús Peiró, Caramelo, Trinidad Vidueira, Carolina Herrera, Adolfo Domínguez, Nikkal ou D-Due teñen contratados a egresados e egresadas dalgunha das catro promocións existentes. Hai que engadir que de entre todas as empresas mencionadas, as galegas como Purificación García ou Inditex acoden cada ano á pasarela Debut para estar pendente das novas promesas do deseño, contando deste xeito con persoal propio pertencente a cada unha das catro promocións.

Cunha media de quince titulados por ano é raro que menos do 50% non remate os seus estudos xa cunha oferta de traballo. Ao día seguinte de presentar os seus deseños fin de estudos na pasarela Debut, os titulados xa están realizando entrevistas de traballo co persoal de recursos humanos das empresas citadas. Así na primeira promoción de Esdemga un 75% abandonou as aulas xa con un contrato asinado. Na última promoción, a finais de decembro do 2010, tres xa deixaron o período estudantil para pasarse ao mundo laboral. A axudante de dirección de Esdemga comenta que “os que acadan o contrato laboral soen ser estudantesmoi versátiles, preparados pero flexibles e que se adaptan ás necesidades da empresa en cada momento”. Aqueles que por algunha cuestión non se mergullan no mundo profesional, prolongan o seu período de formación, complementando o aprendido en Esdemga.

También te puede interesar