Ciencia y Tecnología Galicia

Dez anos despois, Beowulf fala galego

O profesor da Universidade de Vigo, Jorge L. Bueno.
O profesor da Universidade de Vigo, Jorge L. Bueno.

Duvi/ Descubrir ou reencontrarse en lingua galega con ‘Beowulf’, un dos poemas fundamentais da literatura medieval inglesa e europea, xa é posible. Tiveron que transcorrer máis de dez séculos para que a que está considerarada como unha obra fundamental da poesía épica inglesa conte coa primeira tradución aliterativa á lingua galega na que se manteñen aspectos da composición orixinal como a estrutura rítmica, os patróns de frases fixas que aplican epítetos tradicionais aos diversos tipos de personaxes ou os chamados kenningar, compostos metafóricos que nomean conceptos por medio de expresións figurativas.

Traballando só co texto orixinal do manuscrito do século XI escrito en anglosaxón ou inglés antigo, no que a través de 3000 versos se narran os feitos do príncipe escandinavo Beowulf, o profesor do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo e especialista en literatura medieval, Jorge L. Bueno, realizou ao longo dos últimos catro anos unha tradución na que, como el mesmo afirma, tivo en conta “os aspectos principais, formais e temáticos da poesía anglosaxona. Foi un proceso esgotador, pero moi satisfactorio”. A obra de Bueno, que ten traducido textos medievais ingleses, así como de poetas do renacemento inglés como Thomas Wyatt e Philip Sidney e de autores contemporáneos como o Nobel de literatura Derek Walcott, vén de ser publicada na colección de clásicos literarios universais Vétera de Rinoceronte Editora.

Por que traducir ‘Beowulf’ ao galego?

“Se a tradución constitúe unha actividade necesaria para manter a vitalidade das linguas minorizadas como linguas de uso, traducir as obras máis importantes da literatura universal a estas linguas aumenta a súa reputación coma linguas de cultura e contribúe a espallar o coñecemento literario entre os seus falantes”. Estas son, en palabras do propio autor, as razóns que o levaron a traducir un dos textos canónicos da literatura inglesa como é ‘Beowulf’, unha historia que ademais no caso do galego, segundo Bueno, “reflíctese mellor que noutras partes do mundo, pois compartimos certos elementos do mitolóxico e do simbólico do mundo mariño e costeiro do norte de Europa”.

No proceso de tradución o medievalista e especialista en poesía inglesa asegura que puxo especial coidado en reflectir a experiencia de mergullarse na oralidade dos versos que compoñen ‘Beowulf’. “A evolución e cambios sufridos pola lingua inglesa ó longo da súa historia fan do inglés antigo unha lingua pouco menos que estranxeira para os falantes contemporáneos de inglés. Por iso ‘Beowulf’ é sempre un texto ó que se achegan os lectores por medio dunha tradución o que iguala a experiencia en todo o mundo e para todos os lectores”, explica. Como tradutor de anglosaxón e anglosaxonista, Bueno, destaca a importancia “vital” de intentar acadar un estilo poético cando se traduce poesía, “na necesidade de segui-los aspectos formais da composición poética”, explica. Por esta razón optou por ofrecerlle ao lector un verso galego que teña un certo grao de flexibilidade estrutural; que manteña un certo patrón da estrutura rítmica orixinal; que posúa unha linguaxe poética que fuxa das explicacións prosaicas e que faga o esforzo de traducir poesía por poesía.

También te puede interesar