Galicia Vigo al minuto

México e Estados Unidos miran con envexa o modelo da Eurorrexión

O profesor da Universidade de Vigo, Enrique Varela.
O profesor da Universidade de Vigo, Enrique Varela.

Noemí Rey/DUVI/ Cooperar é o futuro. As dúas décadas de vida do Eixo Atlántico xa poden considerarse todo un éxito na xestión de proxectos de cooperación transfronteiriza, agora certificado polo profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo Enrique Varela na súa tese de doutoramento Xestión e gobernanza local en perspectiva comparada entre Galicia e o norte de Portugal, na que por primeira vez se deseña un modelo de análise de caso para a cooperación local a ambos lados da ‘raia’. Cinco anos de investigación que deixan claro que “aos concellos non lles queda máis remedio que colaborar se queren pensar no futuro”, sobre todo tendo en conta que a partir de 2013 a situación endurecerase pola diminución de orzamentos. “A crise é unha oportunidade para deixar de mirar cara o embigo e deixar de ver aos demais como competidores. Debemos ver ao veciño como algo próximo e necesario”, recalca Varela.

Tal é o precedente que senta a Eurorrexión que México e Estados Unidos están interesados en implantar estas “boas prácticas” nos municipios das súas fronteiras, aínda que están a buscar a forma de facelo efectivo porque “non dispoñen un marco como o da Unión Europea, tan pautado e estruturado”. No vello continente esta experiencia entre Galicia e o norte de Portugal é extrapolable “e exportable a espacios moi dinámicos, como o Báltico ou os límites entre Alemania, Bélxica e Francia”, territorios máis centralizados e todos eles cun Produto Interior Bruto máis elevado. Deste xeito a fronteira deixa de ser unha barreira para convértese nun paso para o intercambio na que os implicados aforran cartos e esforzos técnicos, xa que “non é o mesmo deseñar unha metodoloxía e contratar un equipo que ter que multiplicalo por 34”, recoñece.

Os concellos do interior, os máis interesados

Os 34 municipios galegos e lusos que integran o Eixo Atlántico foron quen de crear liñas de traballo comúns en materia de desenvolvemento sostible e de modernización e innovación administrativa coas Axendas 21 Locais e as Axendas Locais Dixitais. Sempre grazas a “unha implicación clara dos técnicos”, ás gañas de entenderse mesturando galego e portugués e a que “as siglas políticas quedan nun segundo lugar”, resume o profesor, aínda que a participación é asimétrica: os concellos pequenos suplen a falta de recursos con “horas e ilusión” e os grandes a falta de tempo facilitando o engrenaxe administrativo. O único problema é deixar moi claros os conceptos contedor no que cada concello quere traballar.

Os dirixentes están claramente convencidos de hai que deixar os localismos a un lado e en Galicia xa hai dúas asociacións voluntarias que intentan organizar estratexias de cooperación. Os concellos do interior, fóra dos fluxos habituais, sempre son os que teñen máis interese e botan man do que Enrique Varela acuña como ‘glocalización’, do impacto que ten a globalización no eido local sobre todo de cara a captar fondos europeos. Trátase de aproveitar todos os medios ao teu alcance, como Internet, para conseguir unha visibilidade a nivel internacional.

También te puede interesar