Galicia Vigo al minuto

A caída da construción e a subida dos prezos, crucial no camiño cara o aforro enerxético

Xavier Labandeira é catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo.
Xavier Labandeira é catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo.

Noemí Rey/ Focalizar o aforro enerxético no sector residencial e de transporte, propoñer actividades de alto valor engadido e baixo consumo e “superar os tabús e utilizar os prezos como instrumento de control da demanda” son algunhas das recomendacións que recolle a Análise da evolución da intensidade enerxética en España, o primeiro informe realizado polo centro de investigación Economics for Energy, dirixido por Xavier Labandeira, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, e Pedro Linares, profesor da ETS de Ingeniería da Universidad Pontificia Comillas. Con sede en Vigo, esta institución naceu hai apenas seis meses coa misión de “informar, orientar e asesorar a axentes públicos e privados a nivel nacional na toma de decisións” relacionadas coa economía da enerxía.

España ten moito camiño por diante para acadar un aforro enerxético óptimo. Ata hai dous anos precisaba 28 toneladas máis de petróleo que o resto dos países da contorna para producir un millón de euros, aínda que a caída na construción axudou a mellorar a intensidade enerxética, xa que é un sector gran consumidor de enerxía debido ao intenso transporte de materiais e ao uso de produtos como o cemento. Agora o seguinte paso debería ser equiparar a media de consumo aos países da Unión Europea, co que se acadaría un aforro enerxético anual de entre o 1,5 e o 3,5% do Produto Interior Bruto español, o que se traduciría en máis de 16.000 millóns de euros.

Para iso, segundo Xavier Labandeira, é fundamental “reducir o gasto de combustibles fósiles importados cunha aposta estrutural diferente nas que os prezos axuden a completar outras políticas máis agresivas, como facer códigos técnicos de edificación e facilitar a penetración de enerxías limpas”. Unhas medidas que hai que aplicar sobre todo pensando no consumo residencial e no transporte privado, uns sectores que aglutinan o 34% do gasto enerxético nun país que importa o 80% da enerxía primaria que emprega, unha cifra que se eleva ata o 99% no caso do petróleo e do gas.

Os seus consellos chegan a Cancún

Economics for Energy ten como socios á Universidade de Vigo, Novacaixagalicia e á Fundación Pedro Barrié de la Maza xunto ao Instituto de Estudios Fiscales do Ministerio de Economía, a Universidad Pontificia Comillas, Acciona, Alcoa, Gas Natural Fenosa, Iberdrola e Banco Santander. “Para Vigo e para Galicia en xeral é moi positivo contar cun centro que pode dar información rigurosa do que está pasando no sector enerxético e facer unha perspectiva de futuro a nivel nacional pero mirando cara o exterior”, subliñou Labandeira.

Baixo esta premisa xurde o libro Climate Change Policies, un volume que comeza a xestarse tras o Seminario Internacional sobre Políticas Climáticas que Economics for Energy fixo en Madrid en febreiro e que recolle unha visión xeral sobre o cambio climático e as proxeccións de futuro. O libro protagonizará unha das sesións do Cumio do Cambio Climático de Cancún, que recollerá o testemuño de Kyoto, aínda que a presentación oficial en España celebrarase o vindeiro 13 de decembro en Vigo coa participación de Anil Markandya, un dos pais da economía ambiental moderna e un dos integrantes máis recoñecidos do Panel Intergubernamental sobre Cambio Climático (IPCC).

También te puede interesar