Cultura Destacados

O futuro da tradución está aquí ao lado

Duvi/ Traballar en institucións como a ONU ou o Parlamento Europeo é o soño da meirande parte dos estudantes de Tradución e Interpretación, pero o abano de posibilidades que a profesión oferta aos novos licenciados vai moito máis aló desta meta que só uns poucos elixidos poden acadar. Precisamente para amosarlles saídas e opcións diversas, o Departamento de Tradución e Lingüística organiza un ciclo de conferencias, inaugurado o pasado curso, no que ex-alumnos e profesionais do sector achegan ao alumnado as súas experiencias laborais.

Eva Celeiro e Mercedes Rafael, intérpretes autónomas, foron as protagonistas dun relatorio que puxo de manifesto a viabilidade dos mercados locais e autonómicos como vía para desenvolver a carreira profesional dos futuros licenciados. Segundo Celeiro, a clave para acceder a este eido é “ter bos contactos que che dean o empurrón inicial e che consigan unha oportunidade”, posto que tanto as axencias como os propios compañeiros saben que o traballo ten que saír ben á primeira, “non hai cabida para repeticións”. Isto fai que calquera práctica que se poida facer resulte vital á hora de valorar un currículo e é aquí onde xogan un papel importante as actuacións que de xeito voluntario se poidan desenvolver en institucións como o FIM ou o Foro Social Mundial, que a miúdo reclaman a colaboración desinteresada de tradutores e intérpretes para os seus congresos internacionais.

O profundo cambio que o sector da interpretación ten experimentado na nosa comunidade é outro dos puntos que lle fan ganar en atractivo. Así o pensa Mercedes Rafael, que tras iniciar a súa carreira nas institucións da Unión Europea regresou a Galicia hai pouco tempo facerse un oco nun mercado que “polo de agora non está saturado e que sorprende polo seu elevado grao de profesionalización”, dixo.  Unha das recomendacións na que as poñentes incidiron con maior vehemencia é en rexeitar ofertas nas que as retribucións se sitúen por debaixo das tarifas vixentes, pois “isto o único que fai é fundir o mercado para todos”, concluiu Celeiro.

También te puede interesar