Noemí Rey/ En Xapón ten un consumo tan masivo, tan barato e está tan a man que non se lle da a artisticidade que recibe en Europa. Ata agora: en Occidente é unha manifestación cultural xaponesa e alí “por fin caeron da burra e viron que é o mellor embaixador do país e unha potente fonte de ingresos”, explica José Andrés Santiago, profesor na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra. El tamén observou este mundo de posibilidades e converter o cómic nipón na súa tese doctoral valeulle ser un dos principais expertos sobre o tema en España. O resultado de tres anos de investigación quedan ben patentes nas 600 páxinas de ‘La viñeta japonesa. Del cuadro flotante al tebeo manga’, editado xunto ao grupo de investigación dx5 art research da Universidade de Vigo e que veñen de presentar como gurús no Salón do Manga de Barcelona.
A clave do éxito estivo en escapar dos tópicos e estándares occidentais que xa deixaran plasmadas algunhas universidade alemanas que se basaban máis na historia contemporánea do manga ou na visión literaria do tema. “O principal desafío da tese era romper esa barreira e basar as nosas premisas nun estudio visual, sociolóxico, antropolóxico… Tiña a vocación de abrir camiño para outras investigacións, xa que facer un estudo en profundidade do manga xaponés é como coller a literatura española e facer unha tese sobre ela, salvando as distancias, claro”, recoñece este profesor santiagués.
Na mente xa teñen novos proxectos, aínda que o de facer un libro ocorreu case por casualidade. “A publicación non estaba planeada, pero a medida que revisabamos a bibliografía chegamos á conclusión de que todo estaba feito desde o punto de vista do aficionado para o aficionado, pero non para alguén máis versado no tema”, recorda. De aí saíu a adaptación da tese para o gran público pero mantendo o rigor universitario, unha extensa monografía que aborda a morfoloxía, sintaxis e categorización do cómic manga, o seu percorrido histórico, a súa influencia na sociedade nipona e por suposto o seu importante valor de mercado en todo o mundo.
Coqueteando con Xapón
Esta dedicación ao país nipón non é froito do azar, xa que o verme de todo o que rodea a Xapón estaba ben dentro de José Andrés Santiago. Estudante do idioma desde hai tempo e amante “da sétima arte do mundo, rivalizando co cinema” , o profesor caue no lugar adecuado no momento axeitado. Un traballo tutelado sobre o manga foi o primeiro xermolo, o resto viu co convenio con Epson en 2006 para empregar papeis máis artísticos nos seus plotters. De aí xurdiu a primeira viaxe a Xapón do grupo dx5, que xa tiñan ao país nipón e a fusión baixo un mesmo paraugas do antigo e do moderno como leif motiv. Unha paixón que culminou cunha visita á Universidade de Seika en Kioto, o único campus cunha titulación específica para dibuxantes manga, e ao Museo Centro de Estudios Avanzados sobre Manga, “cunha bibliografía envexable dispoñible para a consulta de calquera”.
Gran acollida en Barcelona
Para o grupo foi “un privilexio” poder presentar un libro feito con tanto agarimo nun escenario como o Salón do Cómic de Barcelona, o segundo máis importante do mundo tras o celebrado en Xapón. A presentación oficial do libro, que leva apenas un mes na rúa, fíxose rodeado de amantes do manga nun evento máis amplo no que tamén se explicaron outras investigacións que está levando o grupo dx5 sobre “unha sociedade tan singular como a nipona, chea de contrapuntos”.
As súas recomendacións para achegarte ata o mundo do manga? Ben sinxelas: ter cartos porque “segue sendo unha afición bastante cara pola distancia que nos separa” e fiarse do boca a boca. Se tes tempo, viaxar a Xapón durante unha tempada tampouco é mala idea. Mentres podes disfrutar dun libro que satisfará tanto ao investigador máis experimentado como ao neófito máis entusiasta.