Galicia Vigo al minuto

O PAS internacionaliza o seu chip na Staff Training Week

O vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández, deu a benvida.
O vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández, deu a benvida.

Duvi/ Crear unha cultura de intercambios e que o persoal administrativo da Universidade comece a pensar en clave internacional. Esas son dúas das prioridades que se queren acadar coa International Staff Training Week, organizada pola Oficina de Relacións Internacionais no marco do Centro de Excelencia Europeo Jean Monnet, que ata o vindeiro 27 de outubro reunirá a máis de 50 técnicos e responsables de relacións internacionais de 10 países: República Checa, Dinamarca, Finlandia, Francia, Alemaña, Polonia, Grecia, Turquía, Portugal e Países Baixos.

Con profesores e alumnos xa cos ollos ben postos en Europa, agora é a quenda do Persoal de Administración e de Servizos. Este foro de debate pretende converterse nun revulsivo co que ir incrementando a mobilidade do PAS, para que coñeza o xeito de traballar noutros centros e estableza contactos. As estadías de traballo de 7 persoas en universidades de Europa a través dos programas Stella ou Erasmus saben a pouco: a Oficina de Relacións Internacionais quere que a cifra vaia crecendo entre un 10 e un 20 por cento cada ano.

Durante os tres días que duran as xornadas, os participantes percorrerán os campus de Vigo e Pontevedra como primeira toma de contacto cos seus homólogos, pero tamén colaborarán en obradoiros nos que analizar os diferentes instrumentos que hai para mellorar o financiamento das actividades, para xestionar mellor o despunte da mobilidade que acompaña ao Plan Boloña, tratar a nova Axenda 2020 e compartir boas prácticas e experiencias.

También te puede interesar