Romina Vázquez/Universidade de Vigo/ Cunha revisión do clásico “A Odisea” de Homero e unha análise da condición humana transcurriu a segunda xornada do ciclo Escritores na Universidade, celebrada na Facultade de Filoloxía e Tradución, con Begoña Caamaño e Xosé Monteagudo como invitados. Os seus eixos comúns: o seu interese pola escritura parte do amor polos libros que os seus proxenitores lles inculcaron dende moi cativos. “Tras deborar miles de relatos chega un momento no que precisas lerte a ti mesmo”, explica Caamaño.
Xornalista de profesión, Begoña Caamaño publicou o ano pasado a súa primeira obra baixo o título ‘Circe ou o pracer do azul’, na que “da voz ás mulleres ás que Homero lla negaba, posto que as súas obras están cheas de estereotipos”, explica Camino Noia. Tras ter lido a Homero con tan só dez anos, a escritora viguesa retomou o clásico ‘A Odisea’ preto dos corenta para reflexionar sobre o papel que o sexo feminino tiña nesta obra, creada nunha época na que a meirande parte dos textos gregos eran de corte misóxino. “As mulleres aparecían como seres malvados e perversos que sempre se equivocaban nas decisións que tomaban”, apunta Caamaño.
Tras facer unha revisión histórica dos mitos de Penélope e Circe, protagonistas da Odisea, “atrevinme a construir un relato dentro da propia obra de Homero ensalzando os seus papeis, centrándome no porqué das súas actitudes e accións”, explica a escritora, que engade que “dende sempre estes dous personaxes reclamaban capacidade para pensar por si mesmas e para actuar segundo as súas reflexións.”
‘As voces da noticia’, ‘Un tipo listo’ e ‘Noites de velorio’ son algunhas das obras do licenciado en Dereito Xosé Monteagudo. “Trátase de historias que relatan a cotidaneidade, xa que lle gusta falar da xente que está ao seu arredor”, explica Noia. Para este escritor, o relato non comeza coas primeiras liñas, senón que procede dunha imaxe anterior no tempo que vai madurando ata da lugar a uns personaxes. “Cando collo o lapis teño que saber bastante sobre os protagonistas e o seu carácter, pero non sei qué sorpresas me poden deparar, por iso resulta tan interesante”, segundo as súas palabras. “O que intento é chegar a unha reflexión sobre a condición humana na nosa época”, engade.