D. Besadío/Universidade de Vigo/ A Escola Internacional de Posgrao do Mar será o elemento clave a través do que se coordinará, xestionará e impulsará a oferta formativa de mestrado, doutoramento e formación continua do Campus do Mar. Esta era xa a idea inicial e agora, logo da celebración no campus da primeira reunión do grupo de traballo que está a pór en marcha o proxecto, están xa definidos os principais trazos que van caracterizar un proxecto que nace coa intención de converterse nun referente formativo tanto para o ámbito empresarial como académico, xa que a idea é captar aos mellores alumnos nacionais e internacionais co obxectivo de alcanzar un mínimo do 30% de estudantes estranxeiros en 2015.
Neste encontro o grupo de traballo acordou que, inicialmente, a escola deberá definir un número moi reducido de programas de doutoramento, “posiblemente un ou dous”, especificou Emilio Fernández, o comisionado do Campus do Mar. Cada universidade e organismo de investigación analizará internamente a oferta de doutoramento existente e preparará unha proposta de programa a desenvolver na escola internacional de posgrao.Poderán crearse ou asocialos a programas xa existentes. Tras analizar as normativas legais que regulan os estudos de mestrado e doutoramento en Portugal e España, as diferenzas entre ambos sistemas non impiden a creación dunha escola transfronteiriza formada por universidades de España e Portugal.
Ámbitos de traballo da escola
A Escola Internacional de Posgrao do Mar manterá abertas liñas de traballo en varias áreas coincidindo cos proxectos estratéxicos para a investigación definidos polo Campus do Mar, se ben se decidiu que a posible definición e implantación de estudos de máster na escola, emerxa, nesta fase inicial, a partir das necesidades de formación que no seu momento identifiquen as comisións académicas dos programas de doutoramento da escola.