Ciencia y Tecnología Destacados

O Campus do Mar conta xa cunha canle propia de televisión

Unha videoconferencia con Boston, estrea oficial da televisión dixital do Campus do Mar.
Unha videoconferencia con Boston, estrea oficial da televisión dixital do Campus do Mar.

D. BESADÍA/UNIVERSIDADE DE VIGO/ O Campus do Mar ten xa unha canle propia de televisión, a primeira pedra dun proxecto moito maior que é o Campus Dixital do Mar, un conxunto de servizos dixitais de e-colaboración, videoconferencia avanzada, teleensinanza e webTv que garanten que todo o que suceda no Campus do Mar teña tamén presenza audiovisual. Estreouse este venres e fíxoo por todo o grande cunha videoconferencia da científica Milica Stojanovic, profesora da Universidade de Northeastern, en Boston, que inaugurou a nova canle cun relatorio sobre comunicacións submarinas, unha das liñas de investigación que se impulsarán co Campus do Mar.

A iniciativa nace para proporcionar á comunidade científica, profesorado e alumnado a capacidade de investigar e aprender xuntos eliminando a necesidade de estar fisicamente no mesmo lugar, “algo completamente necesario nun proxecto que se creou ao abeiro dunha serie de campus universitarios que se espallan sobre un territorio de arredor de 500 km de extensión, dende Aveiro ata Ferrol”, subliñou o comisionado do Campus do Mar, Emilio Fernández.

A estrea oficial da nova canle tivo lugar na sala de videoconferencias da ETSET de Telecomunicación. A meta principal do Campus Dixital do Mar (DigiMAR) é proveer aos integrantes do Campus do Mar dun conxunto de “espazos dixitais” que apoien o seu labor investigador e docente, ademais, a maior parte destes servizos dixitais estarán tamén dispoñibles para a sociedade en xeral como un instrumento de acceso ao coñecemento relacionado co mar.

En canto aos contidos desta particular canle de televisión, que transmitirá en directo vía Internet, contará coa súa propia unidade de producións audiovisuais docentes e de contidos de divulgación científica. Ao igual que as estruturas físicas, laboratorios, aulas, edificios e peiraos son necesarios para realizar os labores de investigación e docencia, proxectos da natureza do Campus do Mar fan imprescindibles unha serie de espazos dixitais onde estruturar o coñecemento, aprender e colaborar.

También te puede interesar