Destacados Vigo al minuto

Máis de 4.500 traballadores do naval saen á rúa para denunciar a precariedade laboral

E o detonante foi a morte dun traballador onte, apenas dúas horas despois de comezar a folga xeral, cando estaba reparando unha vía de auga nun buque ro-ro no porto de Bouzas. Faleceu no acto tras caerlle enriba unha prancha de metal. E hoxe a CIG denunciou que levaba traballando máis de 15 horas seguidas.

Para protestar por esa precariedade laboral e pola falta de seguridade no naval, máis de 4.500 empregados percorreron hoxe as rúas de Vigo. Todos os asteleiros e talleres do sector pararon en sinal de protesta pola morte do traballador de Mintucal falecido, como fan cada vez que morre un compañeiro en accidente laboral.

A CIG presentou unha denuncia en Inspección de Traballo e agora serán os técnicos os que terán que aclarar as circunstancias da morte do empregado, de 44 anos, que levaba máis de 15 horas no seu posto de traballo xunto con outro catro compañeiros, incluído o encargado que manexaba a grúa que ocasionou o accidente. Un dato para a reflexión: no último ano duplicáronse as infraccións da Inspección de Traballo no sector a pesares de que se ten reducido á metade o número de traballadores.

También te puede interesar