Galicia Vigo al minuto

Hai gas a 140 qm da costa galega?

D. BESADÍO/Universidade de Vigo/ A 140 quilómetros da costa e 1.700 metros de profundidade, moi preto de onde se atopa o pecio do ‘Prestige’, os fondos mariños agochan un orificio de 4 quilómetros de diámetro e 300 metros de fondo, coñecido como Gran Burato, “a estrutura deste tipo máis grande do mundo”. Agora, a denominada Misión Galega do Gran Burato, unha expedición financiada pola Xunta, partirá a segunda quincena de outubro coa misión de estudar en detalle a zona e realizar “unha radiografía” que arroxará luz sobre a existencia ou non de hidratos de gas, un tipo de hidrocarburo que se albisca como fonte alternativa de enerxía.

Liderada pola Universidade de Vigo, a campaña estará composta por un equipo de arredor de 20 investigadores nos que se inclúen, ademais dos membros vigueses, profesionais das Universidades de Aveiro, do Instituto Español de Oceanografía e do Instituto Andaluz de Ciencias da Terra, un centro mixto pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas e da Universidade de Granada. Co apoio en terra do resto de investigadores do grupo GEOMA, centraranse en realizar unha cartografía moi detallada tanto dos fondos como da auga, os sedimentos e a comunidade de organismos propios destes ecosistemas.

Admiten que a posibilidade de atopar hidratos de gas é unha cuestión que esperta moitas expectativas pero subliñan “que se debe actuar con prudencia”, xa que se ben a investigación é necesaria para coñecer a zona e chegar a determinar a presenza ou non deste tipo de hidrocarburos “a posible explotación e perforación é, polo de agora, un reto tecnolóxico de primeiro orde, xa que está no límite da tecnoloxía de explotación e perforación que se está a desenvolver nestes intres”.

A expedición, cun presuposto de 150.000 euros, sairá do Porto de Vigo a mediados do mes de outubro a bordo do buque de investigación oceanográfica Sarmiento de Gamboa. A data final está aínda por determinar, se ben o máis probable é que sexa o día 16, xa que o barco regresa a porto o día 14 e hai que dar unha pequena marxe para o descanso da tripulación e preparar a bordo todo o equipo que se vai levar.

Aínda que este tipo de estruturas son bastante frecuentes no fondo mariño, o que marca a diferenza nesta ocasión son as súas dimensións, sobre todo o diámetro, xa que non hai outro que adquira un tamaño similar. Unha das posibilidade é que se produxera a partir de varios cráters submarinos máis pequenos que se crean a medida que o gas vai abrindo paso cara a superficie.

También te puede interesar