Galicia

Cinco incendios forestais extinguidos e controlado o de Boiro

Os incendios que acorralan Galicia comezan a estar baixo control. Un dos máis importantes, o rexistrado na parroquia de Santo André de Cures, en Boiro, xa está controlado despois de case 72 horas loitando contra el con 2 técnicos, 11 axentes forestais, 25 brigadas con preto de 150 persoas, 10 motobombas, 3 palas, 11 helicópteros e 9 evións. Segundo as primeiras estimacións estarían afectadas preto de 450 hectáreas de superficie rasa e arborado.

Extinguidos

Por outra banda, Medio Rural da por extinguidos definitivamente os incendios forestais de Teo, Muxía, Vimianzo e Brión. Nesta última localidade o lume comezaba onte ás 16 horas na parroquia de Os Ánxeles e quedou apagado ás 05:12 horas desta madrugada tras arrasar 24 hectáreas. Nel traballaron 2 axentes forestais, 5 brigadas con preto de 30 persoas, 1 grumir, 3 motobombas, 1 pala, 2 helicópteros e un avión.

En Teo o lume quedou extinguido tamén de madrugada, ás 00:03 horas, despois de case dez horas de intensa loita na que participaron 3 axentes forestais, 6 brigadas con preto de 36 persoas, un grumir, 4 motobombas e 2 helicópteros. O incendio, que calcinou 26 hectáreas, quedou controlado pasadas as 19 horas.

Mentres, en Muxía o lume quedaba oficialmente apagado ás 07:15 horas despois de que se iniciara o domingo ás 19:45 horas e que quedara controlado onte ás 8 da mañá. As primeiras estimacións falan de 30 hectáreas afectadas. Nas labores de extinción participaron 8 axentes forestais con medio centenar de persoas, 14 brigadas, 3 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.

O incendio de Vimianzo quedou extinguido esta noite despois de que se iniciara onte ás 03:49 horas. En total case 88 hectáreas afectadas e traballando para apagalo 3 axentes forestais, 10 brigadas cunhas 60 persoas, 2 motobombas, 1 pala, 9 helicópteros e 1 hidroavión.

Por último, o lume da parroquia de Santa Cruz de Queixa, no concello ourensán de Chandrexa de Queixa, que comezou onte ás 12:55 horas quedou extinguido ás 17:45 horas tras arrasar 36 hectáreas.

También te puede interesar