_agenda Agenda

As risas, mellor solidarias

Martes poético e solidario. É o que nos ofrece a segunda xornada do Festiclown, que chega cunha vintena de actividades repartidas polas rúas de Vigo e entre as que destaca o pase na rúa de Claire Ducreux, que tomará a zona do MArco para escenificar o seu espectáculo ‘De paseo’, unha peza onde establece un divertido e tenro diálogo visual cun banco (13 horas)

Aínda que a cita máis solidaria chega a partir das 22 horas no auditorio do Concello (8 euros) coa Gala Clown por Palestina, que deparará moitas sorpresas ao público e no que participarán Leo Bassi, Elliot e Claire, ademais de haber unha lectura poética a cargo de Anxo Angueira nunha velada presentada pola actriz Uxía Branco. Pero tamén son solidarias a actuación de Peter Punk no Chuvi (11:30 horas) ou a participación de Javi Javichy non Maraclown Solidario con ‘Veló como el rayo’ e a proxección do documental ‘Camiñando a risa’.

Hoxe tamén arrancan as seccións ‘Isto non é Walt Disney’ e o ‘Certame Intergaláctico de Exterior’, onde intervirán Os 7 Magníficos 1 e o pallaso arxentino Chacovachi. Para os que teñan gañas de prolongar a diversión ata tarde, o destino ideal é a Carpaclown, onde Patricia Pardo porá en escea ‘Comisura’. O resto do día completarase coas actuacións de Maraclown na Praza do Progreso (11:30 h), no Calvario (12 h), na Constitución (18 e 19 h) e na Porta do Sol (18:30, 19:30 e 20:30 h).

También te puede interesar