O alcalde e o tenente de alcalde recibiron hoxe no Concello aos 50 nenos e nenas saharauis que participan no programa de acollemento temporal «Vacacións en paz». Abel Caballero expresou o seu desexo de que os rapaces e rapazas participantes gocen da súa estadía na cidade. «Vacacións en paz» é un programa dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos procedentes dos campos de refuxiados saharauis, xestionado pola Asociación de Solidariedade co Pobo Saharaui, co que a Concellería de Benestar Social ten asinado un convenio de 23.000 euros mediante o que financia a viaxe de 35 nenos e nenas.A concelleira de Benestar Social destacou que o apoio ao programa é unha «cuestión de solidariedade e non un esforzo«. Subliñou que polo desenvolvemento destas iniciativas «é polo que teñen que apostar as administracións«. Asemade, expresou o seu agradecemento ás familias de acollemento, «porque sen elas o programa non sería posible«, destacou.
O delegado para Galicia do pobo saharaui, Ahmedu Mojtar, agradeceu tanto ao Concello de Vigo como ás familias de acollida o seu compromiso en tempos de crise que, segundo apuntou, «repercute na axuda humanitaria«. Indicou que en toda Galicia son arredor de 500 «os fillos e fillas do Sáhara» os que participan no programa e expresou o seu desexo de que as familias gocen coa estadía dos rapaces «porque para eles é unha experiencia inesquecible«.
Comentou que onte o campamento de Tinduf rexistrou 49º de temperatura, polo que salientou que o programa de acollemento temporal serve «para alonxar aos rapaces destas condicións«, así como para realizar chequeos médicos.
