RGPD - Cookies
_agenda Agenda

Desde Memphis a Finisterre en visión caleidoscópica

Mapas e planos serán os protagonistas da mostra de Anne Heyvaert ‘Kaleidoscopias, de Memphis a Finisterre’ que se inaugura hoxe (20 horas) no Centro Social Caixanova e que invita ao público a reflexionar sobre a ilusión da representación da realidade na idea non só de desdobrar o real, senón de despregalo para expoñelo como espectáculo.

Anne Heyvaert, nacida casualmente en Memphis (USA), é francesa de nacionalidade, belga de paternidade, flamenca de filiación artística e residente en Galicia desde 1980. Nesta exposición presenta algunhas voltas das súas tantas idas e vidas. Faino a través da representación e a multiplicación de mapas e planos dos lugares da súa vida, extraviándose finalmente en espellismos calidoscópicos.

A artista mostra a súa serie de mapas despregados, debuxados e estampados sobre mapas reais, nos que a repetición e a multiplicación representan a dispersión dos lugares da súa vida voltándose diversión no seu sentido máis lúdico, nun despregamento virtual e máxico a través duns verdadeiros e grandes calidoscopios.

En ambas propostas búscase, sen dúbida, interpelar e confundir ao espectador: co debuxo os planos encartados cobran relevo, os camiños desdóbranse en espellismos, o espectáculo desprégase e o espectador perde o norte. As rúas de París vólvense labirintos e fortalezas inaccesibles, o mar desprégase en abanos, as rotas ata Finisterre enrédanse e os xiros calidoscópicos rematan en Vigo nas “almas perdidas”, un dos poucos lugares do mundo onde se fala “berbés”, a lingua calidoscópica.

También te puede interesar