Galicia

Camiñante o camiño faise ao andar

A Consellería de Sanidade vén de publicar, na súa páxina web, nos idiomas galego, castelán e inglés, dez consellos para os que se animen a facer o Camiño de Santiago nos vindeiros meses de xullo e agosto, a época do ano no que máis se acostuma a gozar do período vacacional. E recomenda que, ante calquera urxencia médica, se chame ao 061 e que ante calquera consulta non urxente se chame ao 902 400 116.

Decálogo de recomendacións

O primeiro dos consellos sinala que, quince ou trinta días antes de partir, é conveniente prepararse con longas camiñadas para acadar unha mínima forma física. E que, unha vez iniciada a marcha, é importante manter o mesmo ritmo e non exceder unha distancia diaria de 20/25 quilómetros.

A roupa ten que ser lixeira, cómoda e debe transpirar e debe levarse un impermeable de pouco peso por se chove. Os calcetíns deben estar axustados e adaptados ao pé, evitando, en todo momento, a formación de engurras, pregues, boliñas, etc., xa que favorecen a aparición de vinchocas. Tamén deben permitir unha boa transpiración, e ser preferentemente de fío e algodón.

Respecto do calzado, que é o máis importante, debe ser cómodo e usado e nunca se estreará para o camiño. Ademais, é bo utilizar dous pares, que se alternarán. Tamén será flexible e adaptado ao pé, con sola de goma grosa e lixeira. Asemade, todos os días, ao rematar o percorrido, é conveniente bañar os pés en auga fría e cambiar o calzado, sendo imprescindible observar unha estrita limpeza e hixiene dos pés.

Levar protección para o sol, unha viseira ou un sombreiro e utilizar crema de protección solar con factor mínimo de 25. Para repoñer forzas durante o camiño é necesario tomar alimentos moi enerxéticos como froitos secos, figos ou chocolate, beber con frecuencia e sempre en pequenas cantidades, evitar o consumo de alcohol e non beber auga se dubidamos da súa potabilidade.

Calquera ferida que se produza haberá que lavala con auga e xabón e protexela correctamente con gasas e un antiséptico. Nunca pinchar as vinchocas nin atravesalas con fíos, nin tampouco cubrilas con apósitos adhesivos se non se está seguro da correcta desinfección e limpeza destas. E se padece algunha enfermidade crónica ou si se é alérxico a algún medicamento, ou se ten calquera outro problema de saúde que se considere importante, é moi conveniente levar un informe médico.

También te puede interesar