_agenda Agenda

Arte e política mestúranse no Marco

A artista Tania Bruguera.
A artista Tania Bruguera.

42 anos de arte súbense esta tarde (18 horas) ao escenario do salón de actos do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo para falar sobre a súa obra e traxectoria. Tania Bruguera ofrecerá unha conferencia gratuita e aberta ao público en xeral enmarcada na primeira sesión do obradoiro titulado ‘Da casa ao museo’ que a artista impartirá dende hoxe ata o domingo, no que participarán 15 persoas, a maoría non relacionados co mundo artístico.

Tania Bruguesa naceu na Habana e vive a cabalo entre a cidade cubana e Chicago. Artista interdisciplinar, traballa temas políticos, principalmente mediante a arte de conduta, a performance, a instalación e o vídeo. E a súas obras percorreron importantes museos de Europa e Estados Unidos, como a Tate Modern, The Whitechapel Gallery ou no Guggenheim de Nova Iorque.

As obras de Bruguera céntranse na relación entre arte, política e vida. A arte concíbese como unha experiencia que debe atravesarse e como un espazo para a realización de proxectos utópicos. Crea as situacións políticas poñendo en movemento na súa obra algunhas das mesmas estratexias usadas polos poderes políticos. O seu traballo, moitas veces de natureza efémera polo emprego de accións vivas, materiais fráxiles, reflicte a condición efémera de calquera verdade política.

También te puede interesar