Deportes Vigo al minuto

Álex Vidal, subcampión do mundo de Parataekwondo

A pesares do cansanzo acumulado e das poucas horas de sono pola longa viaxe ata Rusia, Alex Vidal (Natural Sport Ribeira) non decepcionou a ninguén e proclamouse subcampión no Campionato do Mundo de Parataekwondo que se está disputando en San Petersburgo. E a piques estivo de proclamarse campión, xa que a falta de menos de medio minuto para o final do combate mandaba no marcador.

O galego, que durmiu menos de cinco horas, eliminou en cuartos de final ao competidor ruso por un rotundo 8-0 e en semifinais veuse as caras contra o representantes de Azerbaián, onde tivo un combate moito máis axustado e que rematou gañando por un punto de diferenza (5-4). Na final enfrontouse ao representante de Francia e o combate foi dominado polo galego ata o final. A falta de vinte segundos, o francés acadou o empate por unha amoestación arbitral e na última acción da final, o competidor galo conseguiu puntuar cun kiongo e xa non houbo posibilidade de reacción (3-4). Esta é a segunda medalla de prata de Vidal, xa que no Mundial de 2009 tamén conseguiu a prata.

A selección, descansando

E mentres o primeiro taekwondista galego con discapacidade iniciaba a competición, o resto do equipo descansaba intentando recuperarse da paliza de viaxe. O domingo a selección quedou atrapada no aeroporto de Munich por culpa da nube de cinzas do volcán islandés, que volveu a facer estragos esta semana no espazo aéreo europeo. O equipo tivo que facer noite na cidade alemana e ao día seguinte tocoulle pelexar para conseguir prazas nos vos, recuperar a súa equipaxe, que estaba perdida, e poder tomar un voo en dirección a Moscú. Despois alí, tomaron un último avión en dirección a San Petersburgo e era case media noite cando chegaban ao hotel de concentración, despois de dos días.

O Campionato de Europa sénior comezará mañá. Iso si, as representantes non competirán ata o xoves 13, con Rebeca Mariño (-53 quilogramos) e Andrea Rica (-57 quilogramos) en acción. Ao día seguinte, venres 14, competirán Fani Hernández (-57 quilogramos) e Lúa Piñeiro (-67).

También te puede interesar