Deportes Vigo al minuto

A viguesa Andrea Rica, entre a expedición que irá ao europeo de San Petersburgo

Andrea Rica.Catro taekwondistas galegas vanse de expedición. Andrea Rica (Tao), Estefanía Hernández (Natural Sport), Rebeca Mariño (Natural Sport) e Lúa Piñeiro (Olimpic) disputarán o Campionato de Europa absoluto de Taekwondo, que comezará o vindeiro 12 de maio en San Petersburgo. Todas elas proclamáronse campioas de España no torneo celebrado recentemente en Alacante e as catro conforman o cincuenta por cento da selección española feminina que competirá en San Petersburgo.

As galegas non participarán no europeo ata o día 13, no que lles corresponderá a quenda a Rebeca Mariño (-53 quilogramos) e Andrea Rica (-57 quilogramos). Ao día seguinte competirán Fani Hernández (-57 quilos) e Lúa Piñeiro (-67). Tanto Andrea como Fani xa están máis que acostumadas a loitar en competicións internacionais e ademais con éxitos importantes. Desta forma, no pasado ano Rica acadou unha medalla de bronce no Mundial de Copenhague, ademais de ser a actual campioa de España do seu peso. O ano 2009 foi case perfecto para Fani Hernández, xa que se proclamou campioa de España e da Universiada, ademais de acadar un bronce no Mundial. E non podemos esquecer que no 2008 proclamouse precisamente campioa de Europa sénior.

Pola súa banda, Rebeca Mariño e Lúa Piñeiro teñen un pouco menos de experiencia e será a primeira vez que participen nun Campionato de Europa, aínda que Rebeca si que formou parte do equipo español no campionato do Mundo de Copenhague. No campionato utilizaranse petos Daedo e o vídeo replay, as últimas innovacións técnicas introducidas no taekwondo nos últimos anos.

Viaxe accidentada

Unha vez máis a nube de cinza do volcán de Islandia está a provocar problemas no espazo aéreo europeo e onte domingo o aeroporto de Munich estaba pechado, polo que a selección española tivo que quedarse alí a pasar a noite. Despois de pasar toda a mañá no aeroporto intentando recuperar a equipaxe, que se perdeu, o equipo chegou esta tarde a Moscú e saen esta noite en dirección a San Petersburgo. Ademais, o grupo ten serios problemas coas maletas. Das catro galegas só Andrea ten a súa, e ademais tamén está perdida a maleta na que ía o material de Daedo.

O retraso na viaxe tamén prexudica seriamente a Alex Vidal, xa que hoxe era a pesada. A Federación Española comunicou á organización o problema que se atoparon e espera que os tres integrantes do equipo podan facer a pesada no mesmo día da competición.

Parataekwondo

A actividade comezará mañá 11 de maio. Por un lado, celebrarase a cerimonia de inauguración do Europeo, e ademais disputarase a segunda edición do Campionato do Mundo de Parataekwondo. Nesta competición participará o galego Alex Vidal, o primeiro deportista galego con algunha discapacidade, e que o ano pasado acadou unha medalla de prata no primeiro mundial de parataekwondo. No Mundial participarán máis de cincuenta deportistas de 21 países de todo o mundo e utilizarán tamén os petos e o vídeo replay.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.