Vigo al minuto

Tes máis de 60 anos? pois faite turista

TurismoA Delegación Territorial da Xunta en Vigo, a través do Departamento Territorial da Consellería de Traballo e Benestar, ten aberto nestes momentos o prazo de presentación de solicitudes para participar no programa de Turismo Social da Xunta de Galicia. Esta iniciativa vai dirixida ás persoas maiores de 60 anos e ten coma finalidade facilitar a posibilidade de gozar duns días de estancia nun hotel ou hotel-balneario, residencia de tempo libre ou centro residencial con tódolos servizos incluídos ademais de ofrecer a opción de beneficiarse só da modalidade de tratamento termal.

A Delegación Territorial da Xunta en Vigo oferta así máis de 800 prazas entre as modalidades de turismo termal, de intercambio e de praia e os interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 10 de abril.

Na modalidade de turismo termal, a Consellería de Traballo e Benestar oferta un total de 724 prazas para maiores e posibilita a oportunidade de escoller entre dúas opcións: “todo incluído” e “só termal”.

No primeiro caso, inclúense os desprazamentos en autocar desde os núcleos máis importantes de poboación ata os lugares de destino, estadía en habitacións dobres en réxime de pensión completa ou réxime alimenticio especial para as persoas que por prescrición médica así o requiran, tratamentos termais segundo prescrición facultativa, actividades de animación sociocultural e póliza colectiva de seguros.

Nesta opción, a Xunta mantén o financiamento do 35% do custo das prazas, polo que os beneficiarios deberán abonar entre 291 e 368 euros, segundo o destino escollido. Poderán optar así polos balnearios de Acuña, Baños da Brea, Caldelas de Tui e Cuntis, en Pontevedra; Baños de Molgas, Gran Balneario do Carballiño, Laias e Lobios en Ourense; Río Pambre de Palas de Rei, as Termas Romanas ou Augas Santas, en Lugo; e, por último, o balneario de Carballo, na Coruña. Mentras, na opción de “só termal”, os beneficiarios terán que achegar entre 47 e 99 euros, segundo o destino escollido, e inclúe soamente os servizos de tratamento termal. Poderán escoller entre os balnearios de Mondariz, A Toxa, Cuntis; A Cuña ou Dávila, en Caldas de Reis; e Baños de Brea, en Vila de Cruces. A estadía media será de 10 días.

Turismo de intercambio e de praia

Por outra banda, a Xunta de Galicia tamén oferta a modalidade de turismo de intercambio con Portugal. Neste caso, dende a Delegación Territorial de Vigo ofértanse 30 prazas e a estadía será de 8 días no mes de outubro e inclúe os servizos de transporte, aloxamento, manutención, animación sociocultural e póliza colectiva de seguros. Por último, a modalidade de turismo de praia, para a que o Departamento Territorial da Consellería de Traballo e Benestar de Vigo reserva 54 prazas para asociacións de maiores na residencia de tempo libre de Panxón. Os participantes nesta modalidade do programa de turismo social terán a oportunidade de pasar 8 días en Nigrán con aloxamento en cuartos compartidos e réxime de pensión completa. Así mesmo, poderán gozar de actividades de animación sociocultural e de dúas excursións de media xornada. Os colectivos só se farán cargo da organización e pagamento do transporte desde o seu domicilio ata a residencia e viceversa.

Con todo, os interesados en participar nalgunha das modalidades que se ofertan deberán cumprir varios requisitos. Os principais son ser maior de 65 anos ou maior de 60 reunindo a condición de pensionista na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes; residir en Galicia; e valerse por sí mesmo para as actividades da vida diaria.

Terán prioridade as persoas con maior idade e menores recursos económicos, así como as que non teñan participado no programa en anteriores convocatorias e precisen os tratamentos termais solicitados, no caso de turismo termal.

También te puede interesar