Para ilo, o plan contará con cinco liñas básicas de actuación. Neste sentido, Feijóo resaltou, en primeiro lugar, que o programa “atenderá ao sector da fabricación”, apoiando “ás plantas ensambladoras” cunha dotación económica que oscilará entre os “35 e os 40 millóns de euros”. Estas achegas estarán vinculadas compromiso por parte das empresas “co desenvolvemento de novos modelos e coa realización dun plan industrial que garanta a súa estabilidade e a conservación do emprego no medio prazo”.
En segundo lugar, Núñez Feijóo apuntou que o seu goberno “seguirá apoiando á industria auxiliar de compoñentes”, impulsando á innovación e o desenvolvemento de novos investimentos cunha dotación de 60 millóns de euros. Non obstante, puntualizou, “esta dotación orzamentaria poderá ampliarse en función das necesidades de adaptacións industriais á planta PSA, como consecuencia do desenvolvemento de liñas de produción”.
Unha compensación á subida do IVE
Así mesmo, o plan permitirá seguir apoiando á comercialización, cunha achega inicial de seis millóns “para axudas á compra de vehículos coa finalidade de compensar o efecto negativo que causará a subida do IVE sobre as ventas”.
O cuarto piar, proseguiu Feijóo, potenciará a busca de “solucións de mobilidade sostible para lograr unha maior eficiencia enerxética”. “Poñemos en marcha axudas para a compra de vehículos eléctricos e híbridos, que alcanzarán ata o 15% do prezo do vehículo novo, e ata 7.000 euros no caso de vehículos eléctricos”, incidiu.
Neste mesmo campo, o presidente galego adiantou que xa está preparado “o borrador do regulamento das especificacións técnicas das infraestruturas de recarga dos vehículos eléctricos así como a regulación da actividade de recarga na Comunidade”, ao tempo que se está a promover a constitución dun “acordo, integrado polas principais operadoras e a FEGAMP, para a implantación de 7 estacións demostrativas da mobilidade eléctrica en Galicia”.
Por último, a quinta liña de actuación basearase no apoio ao Clúster da Automoción co anticipo de “ata o 80% dos importes das achegas ás empresas sen necesidade algunha de garantías ou aval”.
A importancia do sector
Todas estas actuacións pretenden reforzar a situación dun sector que, como lembrou o presidente da Xunta, “emprega de forma directa ou indirecta a preto de 40.000 galegos”, o que supón en torno ao 14% do emprego industrial, e induce en torno a 9.000 empregos máis.
“As empresas galegas do sector da automoción –proseguiu- facturan 8.400 millóns de euros”, cifra que equivale ao 14% do Produto Interior Bruto galego. E engadiu: “Galicia aporta máis do 17% da produción española de vehículos, sendo a segunda do Estado con maior peso produtivo, namentres que o sector de automoción encabeza as exportacións galegas”.