_agenda Agenda

Por 4 euros consegues un libro e pór unha pedra na reconstrucción de Haití

Sara Alcázar/ A razón dun libro por minuto deu comezo a venda dos máis de 1.500 exemplares recollidos no mercadillo solidario de Libros por Haití, que se inaugurou onte no Centro Comercial de Cidade Universitaria e na Facultade de Filoloxía e Tradución. Baixo o lema ‘Hai algo en ti que podes compartir’, este mercadillo estará presente durante cinco días en diferentes edificios e centros do campus co fin de recadar todos os cartos posibles vendendo todas as existencias a un prezo único de 4 euros.

Grazas a un rexistro pormenorizado, a organización analizará os libros entregados e vendidos para ver o que mellor funciona e o que máis se le na comunidade universitaria de cara a unha posible segunda edición do mercadillo.

De entre os máis de 1.500 exemplares doados pola comunidade universitaria xunto con outras colaboracións, os dicionarios de linguas son os máis demandados entre a clientela do mercadillo, un interese que ven dado porque “se trata de exemplares adaptados a todo tipo de ensinanza: primaria, secundaria e universitaria”.

Ademais dos dicionarios, tamén abondan as novelas de moi variados xéneros e de grandes autores como Isabel Allende ou Ken Follet, así como exemplares de divulgación e libros sobre temas específicos que se ofrecerán naqueles centros nos que se imparte algunha titulación relacionada.

Onde atopalo

A biblioteca de Torrecedeira acolle hoxe un punto de venda xunto a outro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. O venres o mercadillo trasladarase á Biblioteca Central e o luns situarase no Edificio de Ciencias Experimentais. A derradeira xornada do mercadillo terá lugar o vindeiro día 16 no Centro Comercial da Cidade Universitaria.

You may also like