Vigo al minuto

O programa ‘Sereos’ de atención a personas en risco de exclusión, prestou 85.860 servizos en 2009

María MéndezA concelleira de Benestar Social fixo hoxe balance do programa Sereos, un dispositivo de atención a persoas sen fogar ou en risco de exclusión social que inclúe, ademais da cobertura das necesidades básicas de alimentación, a recollida de material de inxección utilizado e o reparto de outro novo, o asesoramento para reeducar condutas de risco asociadas ao consumo de drogas e a mellora das condición de saúde mediante a distribución de preservativos.

María Méndez sinalou que 633 persoas foron atendidas no 2009, o 84% foron homes e o 14% mulleres. Das mesmas, 170 foron novos usuarios, e a media diaria de asistencia ao local é de 190 persoas. Sinalou que estas persoas ademais de atoparse en situación de exclusión social, presentan en numerosas ocasións doenzas asociadas ao consumo de drogas, con enfermidades mentais, prostitutas ou inmigrantes desarraigados. Afirmou que unha boa parte dos usuarios e usuarias teñen en común o desarraigamento familiar, baixo nivel académico ou fracaso escolar, falta de cualificación profesional, baixa ou nula experiencia laboral, e nalgúns casos antecedentes penais.

Cobran o RISGA ou pensións non contributivas

No tocante ao seu nivel de ingresos, María Méndez mecionou que poden proceder do cobro da RISGA (Renda de Integración Social de Galicia), PNC (Pensión non Contributiva), RAI (Renda Activa de Inserción), subsidio de excarceración, ou ingresos cero. Xa respecto ás asistencias realizadas, indicou que se realizaron un total de 85.860 intervencións, das que 23.290 correspondeu ao reparto de preservativos, 20.292 á entrega de kits de insulinas, 20.320 á recollida de xiringas usadas, e o resto corresponde á entrega de bocadillos e información e orientación.

A concelleira de Benestar explicou que o local no que se presta o servizo de Sereos está situado na rúa Elduayen número 11, e que o seu horario de atención ao público é de luns a venres de 9:30 a 11 horas e de 17 a 19 horas; e os sábados de 9:30 a 11 horas. Debido aos problemas de saneamento que presentaban estas instalacións e o mal estado do mobiliario, indicou que se levaron a cabo obras diversas obras de mellora, cun custe aproximado de 20.000 euros.

Ao seu xuízo, esta mellora permitirá realizar cambios no desenvolvemento do programa e “reforzar o desenvolvemento de programas de inserción”. Finalmente, indicou que a atención que presta o programa Sereos é realizada por unha traballadora/coordinadora a tempo completo, un auxiliar de servizos sociais a tempo completo, un auxiliar de servizos sociais a media xornada e sete persoas voluntarias.

 

También te puede interesar