_agenda Agenda

As batas de traballo reivindican a modernidade da tradición feminina

M. del Río/ Enfundada nun vestido de alta costura, Kathryn Bigelow converteuse esta madrugada na primeira muller galardoada co Oscar ao mellor director tras 82 edicións destes premios cinematográficos. Esta longa espera é un bo exemplo de que queda moito camiño por andar ata acadar a igualdade real, incluso no mundo das celebridades. Pero moito máis preto de nós e lonxe do glamour de Hollywood, as batas e os mandilóns son as indumentarias de traballa de xeracións de mulleres, traballadoras incansables que aínda agardan o recoñecemento que merece terse ocupado do fogar, dos nenod, das eiras e dos animais sen soldo nin vacacións.

No Día Internacional da Muller, a Universidade de Vigo embarcouse nunha iniciativa que ten precisamente as batas como estandarte e símbolo do feminino, do invisible do traballo feminino. A través dunha exposición destas prendas, que se pode visitar simultaneamente na Biblioteca Universitaria do campus de Vigo nas bibliotecas centrais de Ourense e Pontevedra, reivindícase a entrega e o esforzo de avoas, nais e fillas que dedicaron as súas vidas a unhas tarefas que permitiron pasar de xeración en xeración o simbólico do feminino, as tradicións e costumes, e incluso tamén as propias batas. De flores, de cadros, de diversos debuxos e longos, de inverno ou de verán, estas batas son unha representación do traballo ligado á terra pero sobre todo ligado á vida e á familia.

O que amosan as batas

A apertura desta mostra é o prólogo do que mañá encherá de sentimentos e experiencias os mesmos espazos. A realizadora viguesa Claudia Brenlla presentará o seu documental Bata por fóra (muller por dentro)’ (13:15 h en Vigo) dentro deste programa de actos do Día Internacional da Muller e ofrecerá un relatorio no que explicará aos asistentes a súa obra. A idea deste documental xurdiu “editando outra peza gravada na Illa de Ons, cando me din conta de que todas as mulleres que saían levaban unha destas batas. Facía tempo que tiña ganas de experimentar e realizar un documental libre e ensaístico coa muller como protagonista e a bata achegoume o elemento simbólico para poder facelo”.

A peza recolle diálogos entre mulleres sobre o feminino e o feminismo como unha oda, unha homenaxe ás diferentes mulleres e aos diferentes modos de levar as batas, “non había que buscar diferentes tipos de muller, senón que a muller en si, con toda a súa carga do pasado recente, estaba representada nesa prenda”, explica.

A súa proposta audiovisual recolle a mesma esencia do exposición das batas, a reivindicación do universo feminino, das traballadoras do campo e do mar, das amas de casa, do rural e do tradicional como universo diferenciador do masculino imperante. Con 18 minutos de reflexión sobre a modernidade do tradicional, ‘Bata por fóra (muller por dentro)’ foi premiado como mellor documental no Festival Creativo de Curtas On&Off de Ribadeo, na Mostra de Videocreación do Condado MIVICO08, no Certame de Documental e Vídeo Secuencia Cero de Vigo e obtivo o segundo premio no I Mufest, Cine feito por Mulleres, en Santiago de Compostela.

También te puede interesar