Deportes

Os futuros campiones de taekwondo, en Cangas

 TaewkondaO Campionato Galego Promesas, que ten lugar no pavillón do Gatañal en Cangas, conta cunha importante participación de máis de trescentos competidores. O campionato, que se celebra nas categorías cadete, júnior e senior, acadou unha altísima participación, tal e como amosa a inscrición de deportistas.
A Federación Galega de Taekwondo decidiu que as e os deportistas que participaran nalgún momento en competición nacional oficial non poderían disputar este campionato promesa e iso veuse reflectido no número de participantes que se animaron a inscribirse. Este feito ven a demostrar que detrás dos integrantes da selección galega e dos éxitos nacionais e internacionais do taekwondo galego hai unha boa semente na base.
 Os combates comezaron ás 10 da mañá e hai posibilidades de ter que modificar os descansos, dependendo de discorrer dos combates, xa que pola altísima participación son moitos os previstos nos cinco tapices que estarán dispostos na pista do Gatañal. En principio, os horarios establecidos son de 10 a 14.00 horas e de 16 a 19 horas. Este campionato está organizado polo club Kiap de Cangas, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e o Concello de Cangas, e conta co patrocinio de Caixanova e de Pescanova.

 Por Haiti

 Normalmente, todas as actividades organizadas pola Federación Galega de Taekwondo a nivel galego son gratuítas, pero nesta oportunidade a federación fai unha solicitude ao público asistente para que cada persoa que asista ao campionato realice unha doazón de 1 euro para unha ONG que traballe coa infancia en Haití, polo que todo o diñeiro que se recolla neste torneo será doado para unha moi boa causa.

You may also like