Cultura Destacados

O cancro e os seus riscos hereditarios, a debate

Preto de 200 profesionais de atención primaria e hospitalaria participan entre hoxe e o venres no segundo ‘Seminario sobre Controversias en Consello Xenético para Síndromes Hereditarias de Predisposición ao Cancro”, que terá lugar no Hospital Xeral de Vigo. Trátase dun seminario interactivo de enfoque clínico-práctico para abordar cuestións de controversia na organización e control dos pacientes con maior risco de sufrir cancro debido a alteracións xenéticas heredables.

Nos últimos anos creáronse consultas específicas para Síndromes Hereditarias de Predisposición ao Cancro, xeralmente adscritas aos servizos de Oncoloxía Médica, debido ás crecentes necesidades clínicas e á demanda social e sanitaria. A detección, o diagnóstico e o control de familias completas e moitas das aproximacións de diagnóstico, tratamento, aspectos éticos e legais son controvertidos, creando confusión sobre o manexo da información clínica e os datos xenéticos destes pacientes.

En Galicia existen cinco consultas específicas, tres delas nos Complexos Hospitalarios de Vigo, Lugo e Pontevedra, que desenvolveron de forma conxunta todos os protocolos clínicos e burocráticos de forma consensuada e  sólida. Neste seminario trátase dunha posta ao día, co obxectivo de clarificar aspectos moi relevantes da práctica asistencial.

También te puede interesar