Destacados

Adxudican obras de abastecemento hidráulico en Tui, Porriño, A Cañiza e Salceda

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de adxudicar tres obras de execución de obras hidráulicas na provincia de Pontevedra, concretamente nas localidades da Cañiza, Tui, Salceda de Caselas e Porriño. O goberno galego financiará o 100% dos custes da realización dos traballos, invistindo preto de 5 millóns de euros.

A execución destas obras pretende dar cumprimento ao Plan de Infraestruturas Hidráulicas, que se desenvolverá no período comprendido entre os anos 2009 e 2013. O obxectivo deste plan consiste en garantir, ao longo da presente lexislatura, unha xestión óptima das augas a través da mellora das redes de saneamento e depuración da comunidade.

Depuradora na Cañiza

A Xunta financiará o 100% dos custes da instalación da estación, infraestrutura que precisa dun importe total de 1,7 millóns de euros. A actuación, cuxa adxudicataria é a empresa Espina y Delfín S.L., pretende incrementar a capacidade para o tratamento dun maior volume de augas residuais a depurar.

A nova edar consta dun caudal máximo de 35 l/s, correspondente a 4.000 habitantes equivalentes,o que permitirá o tratamento das augas residuais urbanas do núcleo da Cañiza e Os Boeixos e das augas industriais do matadoiro municipal.

Esta construción componse, entre outros elementos, dun tanque de tormentas, que reterá as puntas de contaminación en episodios de forte chuvia. No proceso de pretratamento, inclúese un pozo de grosos, bombeo de auga bruta, canles de desbaste e desareado-desengraxado.

A citada actuación, que beneficiará a un total de 4.000 habitantes, conta cun prazo de execución de once meses.

Colectores xerais en Tui

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inviste preto de 725.000 euros na execución do colector xeral de San Simón, en Tui. Cómpre sinalar que as obras serán executadas nun período de 8 meses, beneficiando a unha poboación de máis de 1.500 habitantes, que tamén serán usuarios da Edar de Guillarei.

As actuacións previstas neste convenio inclúen os treitos necesarios para conectar o saneamento existente na parroquia de Ribadelouro co colector xeral do Louro, para poder completar a conexión das redes de saneamento coa EDAR de Guillarei. Comprende a execución de 2.002 metros de colector na súa maioría de 315 milímetros e tres bombeos, situados en Porto de Bouzas, Cotarel e San Simón.

Para levar a cabo os colectores, terase que atravesar a estrada PO-342, e tamén existirán tubaxes baixo os ríos Louro e San Simón, mentres que o último cruza perpendicularmente un sendeiro que parte do Camiño de Portugués, no treito Tui-Redondela; outro tramo transcorre por unha vía de servizo da autoestrada AP-9 e unha afección ás estradas EP-2502 e PO-342. Neste proxecto tamén se inclúe a reposición dos servizos e pavimentos afectados por estas obras.

Abastecemento de Salceda e Porriño

Augas de Galicia vén de adxudicar as actuacións de mellora de abastecemento a Salceda de Caselas e Porriño, en Pontevedra, por un importe de máis de 1,6 millóns de euros.

A Xunta de Galicia, mediante a execución destes traballos, vén a dar cumprimento ao Plan de Infraestruturas Hidráulicas para o periodo 2009- 2013. Esta obra foi adxudicada á empresa CRC Obras y Servicios que se encargará de mellorar o abastecemento das parroquias de San Salvador de Budiño, en Porriño, e ás de Entenza e Parderrubias, en Salceda.

As actuacións obxecto da proposta teñen como obxectivo dar maior capacidade hidráulica ao sistema de abastecemento a través dun aumento do caudal dispoñible, proporcionando a mellora da calidade da auga tratada.

Por unha parte, levarase a cabo a instalación dun depósito e un ramal de abastecemento en Salceda de Caselas. O depósito proxectado ten 3.000 m3 de capacidade, un diámetro de interior de 25 m, unha altura de 6,5 m, un grosor de parede de 0,35 m e soleira de 0,50 m. Este depósito vaise conectar coa rede de abastecemento existente no núcleo de Salceda mediante un tubo de polietileno.

Por outra parte, no Porriño executarase outro ramal de abastecemento que, mediante un tubo de fundición, leva a auga dende o punto de acometida á rede existente ata o depósito que se proxecta no concello de Salceda. Discorre na súa totalidade  baixo a estrada PO-510 e está formado por un tubo de polietileno de alta densidade de 90 mm de diámetro.

Tamén se construirá  un ramal de abastecemento á parroquia de San Salvador de Budiño, partindo do depósito que se vai executar en Salceda e discorrendo, practicamente na súa totalidade, baixo a estrada PO-407.

A poboación beneficiaria das ditas actuacións de abastecemento alcanza os 7.000 habitantes, distribuídos entre os dous concellos: O Porriño e Salceda de Caselas.

O prazo de execución estimado para a finalización das obras é de 12 meses.

Te podría interesar