Galicia

Mayumana quece motores na Coruña antes da gran estrea de Momentum en Vigo, o martes

mayumanáA compañía israelí Mayumana presentará esta semana en Galicia o seu último espectáculo Momentum, dentro do Camiño das Artes Escénicas do Xacobeo 2010. Coñecidos pola súa posta en escena multidisciplinar –mestura de música, teatro, danza, percusión e moito humor- Mayumana chega a Vigo con Momentum, un espectáculo novo e cheo de sorpresas pero coa enerxía e ritmo que caracteriza a esta compañía. Mañá luns día 22, ofrecerán un aperitivo da súa arte cunha performance nas rúas de A Coruña.

Once artistas de distintas nacionalidades (entre eles, cinco españois) e diferentes disciplinas dan vida a Momentum, que segue mantendo a linguaxe escénica, o sabor e o estilo das creacións anteriores de Mayumana. Desde o mércores 24 e ata o domingo 28 Mayumana despregará o seu espectáculo no Centro Cultural Caixanova de Vigo. O día da súa estrea, a compañía fundada en Tel-Aviv por Eylon Nuphar, Boaz Berman e Roy Oferen en 1997, ofrecerá un pase gráfico ás 17:00 horas. Esta será a única ocasión na que estará permitido aos medios gravar e tomar fotografías da produción.

Para abrir boca, maña luns día 22 ás 18:00 horas o grupo de danza e percusión realizará unha performance en A Coruña. Consistirá nunha batucada, que comezará na FNAC para saír á rúa e interactuar co público. Será un anticipo das súas actuacións na cidade herculina programadas entre o 11 e o 13 de marzo.

 Conxunto multidisciplinar

Mayumana desenrolou unha linguaxe única e internacional, baseada no talento persoal, no ritmo, no visual e por encima de todo, na creatividade. Desde a estrea do seu primeiro espectáculo en 1998, máis de 4,3 millóns de persoas disfrutaron con Mayumana en máis de 30 países nos que actuou o grupo.

Desde a súa primeira visita a España en abril de 2001, Mayumana converteuse nun dos espectáculos de maior éxito no noso país. Máis de vinte cidades españolas colgaron o cartel de “esgotadas as localidades” sumando a cifra de máis de 1.000.000 espectadores. Os seus espectáculos reúnen teatro, danza e percusión, con coreografías enérxicas e de gran vitalidade. A percusión execútase sobre obxectos pintorescos como contedores de lixo e outros obxectos reciclados.

As entradas para asistir aos concertos pódense adquirir xa a través da web do Xacobeo ou directamente a través da páxina servinova.com.

 

 

You may also like